O plan In Lugo formará a 50 parados e autónomos en novas tecnoloxías

José Ramón Val (Foto: EP)
photo_camera José Ramón Val (Foto: EP)

O plan In Lugo inicia unha nova etapa na súa traxectoria, que nesta ocasión centrarase fundamentalmente na inserción laboral de desempregados e nas pequenas e medianas empresas (pymes), para que incrementen a súa competitividade por medio das novas tecnoloxías. Así o anunciou onte o deputado responsable da área de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val.

Polo que se refire aos desempregados, formarase a 25 persoas nas técnicas para obter un maior rendemento de internet, o que, teoricamente, debería abrirlles as posibilidades de emprego en numerosos sectores.

En canto aos empresarios, outros 25 titulares de pymes aprenderán como situarse na rede, co fin de abrir novos mercados e aumentar os beneficios.

«Potenciamos as actividades que benefician ós sectores máis desfavorecidos, así como ós máis estratéxicos para a economía da nosa provincia, poñendo a súa disposición, sin custe algún, formación especializada co fin de dinamizar o tecido socioeconómico e xerar emprego e riqueza, un dos eixos centrais da acción deste goberno provincial», subliñou o deputado de Innovación.

O primeiro dos seminarios denomínase ‘Internet: ou noso mellor aliado na busca de emprego' e desenvolverase na semana do 16 ao 20 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, nas instalacións de In Lugo, situadas no edificio da Escola de Imaxe e Son (rúa Frei Plácido Rei Lemos de Lugo). «Os blogs e redes sociais son algo máis que medios para falar cos amigos e familiares ou publicar fotos ou vídeos. Son tamén un punto de encontro entre profesionais e os nosos mellores aliados á hora de encontrar emprego», asegurou José Ramón Val. Neste sentido, recalcou que «segundo a maior parte dos estudos, máis do 70 por cento dos empregos atópanse no círculo de coñecidos. Hoxe, coas novas tecnoloxías, este círculo non só se atopa a un clic de nós, senón que se multiplica por miles coas redes sociais».

Un exemplo das amplas posibilidades é Linkedin, a rede profesional máis grande do mundo, que conta actualmente con 42 millóns de usuarios de máis de 200 países e 170 sectores profesionais. De feito, segundo unha enquisa realizada a directores españois de recursos humanos, o 64 por cento destes profesionais enquisados consulta o perfil dos candidatos nas redes sociais antes das entrevistas laborais e un 30 por cento descartan a aquelas persoas que non teñen presenza neste tipo de redes ou cun perfil pobre nas mesmas.

Nas xornadas formativas sobre a procura de emprego en internet, os participantes coñecerán como definir a súa propia estratexia dixital, coñecer o seu potencial profesional, analizar o mercado laboral na rede ou utilizar as ferramentas dispoñibles para atopar traballo, entre outros aspectos. Ademais da parte teórica, haberá unha práctica na que os asistentes farán unha procura real de emprego e fixarán unha estratexia de promoción persoal.

Pymes

Polo que se refire ao seminario destinado aos empresarios, que se denomina ‘Comunity Management para Pemes', terá lugar todos os venres, entre o 27 de xaneiro e o 24 de febreiro, en horario de 16.00 a 20.00 horas.

Serán cinco sesións totalmente prácticas, nas que se mostrará ás pequenas e medianas empresas como obter unha correcta presenza en internet, xa que «isto non só amplía e mellora a comunicación cos clientes dun xeito máis directo, senón que tamén redunda no incremento dos seus beneficios. Os blogs e as redes sociais constitúen a ferramenta perfecta para acometer accións sólidas e sostibles que fidelicen ós clientes», destaca o deputado socialista. En concreto, pon como exemplo a compañía multinacional de novas tecnoloxías Dell, cuxa irrupción en Twitter no ano 2009 fixo que lograse tres millóns de dólares en vendas directas a través deste servizo e desde entón continúa aumentando as súas cifras de venda por medio desta canle.

A programación do curso inclúe a elaboración dun blogue, o manexo das redes sociais, as técnicas e os medios a empregar para conectar con público ou a preparación dunha campaña ‘en liña'.

Matrícula

Os interesados poden informarse ou inscribirse na web www.deputacionlugo.org ou chamando ao número de teléfono 982260077. O prazo está aberto desde onte e ata que se acaben as prazas, asignadas por rigorosa orde de solicitude, segundo indicaron no organismo provincial.

Comentarios