O Parlamento insta á Xunta a rebaixar o canon de Sogama

O pleno do Parlamento aprobou unha proposición non de lei do PPdeG na que insta á Xunta a rebaixar o canon de Sogama aos municipios "de acordo co que permita o novo marco retributivo" e a esixir que as facturas atrasadas "sexan atendidas co fin de garantir a sustentabilidade do sistema galego".

A proposta foi apoiada tan só polo grupo propoñente, cuxa iniciativa deu orixe a un debate sobre o modelo de tratamento dos residuos sólidos urbanos, no que todos os grupos da oposición coincidiron en que o sistema de Sogama non é sostible económica nin medioambientalmente e se o manteñen é en beneficio da empresa Gas Natural Fenosa, que participa na sociedade cun 49 por cento.

O portavoz do PPdeG, José Francisco Santos Regueiro, explicou o funcionamento de Sogama e dixo que se trata dun procedemento "similar ao dos países máis avanzados de Europa", ao que se sumaron "voluntariamente" 296 Concellos. Tamén relatou como as condicións nas que se baseaba a súa sustentabilidade financeira cambiaron pola supresión das primas e os novos impostos enerxéticos, que provocaron "un gran desequilibrio" nas súas contas e rexeitou que a subida do canon tivese como obxectivo a xeración de dividendos, que só se deron -recordou- durante o Goberno bipartito. Para concluír, engadiu que agora "o escenario é menos malo que o previsto" e que o PP desexa trasladar esa mellora aos municipios.

Todos os portavoces da oposición criticaron tanto o modelo de Sogama como a xestión desenvolvida pola Xunta, con acusacións de falsear as contas, de non adoptar medida algunha nos pasos prioritarios para o tratamento dos residuos, como a redución, reutilización ou reciclaxe ou de criminalizar aos municipios.

Comentarios