domingo. 16.01.2022 |
El tiempo
domingo. 16.01.2022
El tiempo

O Parador promociona a gastronomía chairega cun ciclo do capón de Vilalba

Marcos Domínguez. (Foto. C. Pérez/AEP)
Marcos Domínguez. (Foto. C. Pérez/AEP)

O Parador de Turismo de Vilalba inicia hoxe a undécima edición das Xornadas Gastronómicas sobre o Capón de Vilalba, un ciclo culinario orientado a divulgar as exquisiteces dun dos principais embaixadores da gastronomía chairega, tal e como é o capón de Vilalba, pero que nesta ocasión tamén servirá para promocionar outros artigos alimentarios da comarca como son o queixo de San Simón ou as fabas de Lourenzá.

O xefe de cociña do Parador de Vilalba, Marcos Domínguez, destacou a boa acollida que tradicionalmente teñen entre o público este tipo de eventos gastronómicos, durante os que se percibe un sensible aumento no número de comensais que o visitan.

O menú que se despachará no establecemento chairego durante a duración destas xornadas sobre o capón estrutúrase en tres actos diferentes, aos que cabe sumar a sobremesa. Domínguez sinalou neste sentido que o menú das xornadas estará composto por dous entrantes ou aperitivos, talles como son o paté de capón ou un pasta rechea de capón e queixo de San Simón.

Unha ensalada de capón marinado con papaia e unha vinagreta de fabas de Lourenzá constituirá o preludio da degustación do prato estrela destas xornadas, o capón de Vilalba, que se poderá degustar de dúas formas: braseado ao viño Albariño ou guisado. Unha sobremesa, a base de filloas recheas, completa o menú, que a partir de hoxe poderase gozar ao prezo de 39 euros por comensal.

O xefe de cociña do Parador de Vilalba destacou ademais que parte do tirón que presentan estas xornadas gastronómicas débese ao feito de que o capón de Vilalba propiamente dito é un produto estacional, cuxo consumo se restrinxe a estas datas do ano, xa que é cando se activa a comercialización de capóns que xa completaron o seu prolongado e meticuloso proceso de engorde e ceba.

«O capón de Vilalba só se pode degustar nestas datas», sentenciou Marcos Domínguez, quen recoñeceu, con todo, que a progresiva xeneralización do denominado caponciño -aves de non máis de cinco meses- permite comer capón en calquera data do ano.

Na antesala da celebración da Feira do Capón de Vilalba, a tradicional cita de comercialización deste prezado produto e na que este ano se volverán a pór á venda ao redor de 1.300 unidades, a cotización do capón de Vilalba parece manter os mesmos parámetros que en anos anteriores, xa que, segundo indicou Domínguez, «o prezo por peza oscila entre os 80 e os 90 euros», dixo.

Respecto das vendas estimadas durante a celebración destas xornadas gastronómicas do capón de Vilalba, o xefe de cociña do Parador vilalbés apuntou que «as previsións nunca son exactas, pero a tenor das reservas xa rexistradas esperamos sacar entre 30 e 40 capóns»,sinalou.

PERFIL
''A maioría dos clientes veñen de fóra''

«A maioría dos clientes que acoden a Vilalba para degustar os menús que se despachan durante esta xornada de promoción do capón de Vilalba non son da localidade, senón que proceden de todas as provincias galegas, e incluso de lugares de Asturias e León», comentou onte o director do Parador de Turismo de Vilalba.

Pablo Hermida sinalou ademais que o capón é un produto cada vez máis demandando nas ceas de Nadal de empresa ou de calquera celebración que reúna a un grupo de amigos durante estas festas do Nadal, un feito que potencia a comercialización do capón.

O Parador promociona a gastronomía chairega cun ciclo do capón de...
comentarios