O museo de Vilalba inicia o 2011 cunha xornada sobre documentación patrimonial

O Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba abrirá o próximo día 18 o seu programa de actividades para o 2011 cunha xornada técnica sobre novas tecnoloxías aplicadas á documentación do patrimonio museológico. Os membros do padroado desta institución vilalbesa aprobaron onte o calendario de iniciativas que levarán a cabo ao longo deste ano e que inclúe varias publicacións e a organización de diversos seminarios.

O máis importante será o Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba, cuxa segunda edición se celebrará o próximo mes de xullo. Outra das iniciativas máis destacadas é a inauguración, no segundo trimestre de 2011, da montaxe definitiva da exposición permanente do museo, do que faltan só uns detalles tras executarse a súa renovación en dúas fases.

Unha das novidades do programa do museo vilalbés é que se retomará a elaboración todos os trimestres de paneis explicativos sobre un tema con conferencias e folletos relacionados.

No primeiro trimestre, sairá á luz unha publicación monográfica sobre industrias líticas do Paleolítico Superior europeo e estrearanse dous audiovisuais para facer introducións aos visitantes, titulados ‘Prehistoria' e ‘Castrexos e romanos'.

Outras publicacións serán ‘O Paleolítico Inferior no occidente cantábrico. O xacemento de Louselas', unha monografía sobre a caza e a domesticación desta no noroeste da península e outra obra sobre a arqueoloxía do municipio de Vilalba. Tamén haberá dous ‘obradoiros', un en agosto sobre tecidos e teares prehistóricos e outro preto de nadal sobre xogos romanos.

Orzamento

O padroado do museo vilalbés tamén abordou onte a liquidación das contas do 2009 e o 2010. O director do centro, Eduardo Ramil, apuntou que se axustan os gastos e os ingresos» e que o orzamento deses anos roldou os 90.000 euros.

Ramil explicou tamén que agora se procederá a elaborar o orzamento do 2011 e que o calendario de actividades aprobado foi en base a ingresos propios. «Estamos á espera de recibir o convenio da Xunta e de perfilar máis con outras institucións e, se existen esas partidas, facer máis cousas», afirmou.

Comentarios