O mariñeiro moañés rescatado en Senegal volverá á casa "nas próximas horas"

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou este luns de que se prevé que o mariñeiro moañés rescatado tras o naufraxio do pesqueiro Senefand 1 -da empresa viguesa Profand- en augas de Senegal poida regresar á casa "nas próximas horas".

A preguntas da prensa este luns, Quintana indicou que "non hai novidades" sobre a procura dos tres mariñeiros desaparecidos, dous senegales e un deles galego -o patrón do arrastreiro, natural de Marín-, mentres se mantén un dispositivo en coordinación coas autoridades senegalesas e a embaixada de España en Senegal, e no que "está a colaborar o goberno francés".

Así mesmo, en Senegal existen "bastantes" patrullas da Garda Civil que inspeccionan a zona "para intentar localizar o punto de afundimento do barco, e buscando tamén ás tres persoas que continúan desaparecidas". Respecto dos oito tripulantes rescatados, a conselleira remarcou que todos eles "están ben", e recorda que xa foron dados de alta.

Os oito mariñeiros rescatados -o xefe de máquinas natural de Moaña (Pontevedra), un caboverdiano, un cidadán de Guineau-Bissau e cinco senegaleses- pasaron tres días á deriva despois do naufraxio do pesqueiro no que faenaban, ocorrido o pasado venres ao sur da capital senegalesa, Dakar.

Comentarios