O maquinista falaba por teléfono cando descarrilou o tren

O tren Alvia que cubría a ruta entre Madrid e Ferrol o pasado mércores 24 de xullo circulaba a 153 quilómetros hora no momento en que descarrilou e mentres o seu condutor, Francisco José Garzón Amo, ía falando con persoal de Renfe a través do seu teléfono profesional.

Estes son algúns dos datos recuperados esta mañá das caixas negras do tren, que son provisionais e á espera do informe da Policía Xudicial, que se estrelou a pasada semana na capital galega e provocou a morte de 79 persoas e máis de 150 feridos, segundo comunicou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Case unha semana despois do sinistro sesenta e seis persoas continúan ingresadas, 15 delas en estado crítico, segundo o último parte difundido esta mañá pola Consellería de Sanidade.

Segundo os datos das caixas negras, instantes antes do accidente o tren circulaba a 192 quilómetros por hora e tras a activación dun freo por parte do maquinista, o convoi finalmente impactou contra o muro de formigón tras pasar a curva da Grandeira, na parroquia de Angrois, a 153 quilómetros por hora nun lugar no que o libro de ruta indica que non se poden superar os 80 quilómetros por hora.

Segundo a información recuperada hoxe, nos minutos previos ao descarrilamento, o condutor recibiu unha chamada no seu teléfono profesional de persoal de Renfe, "parece ser dun controlador", para indicarlle o camiño que tiña que seguir ao chegar a Ferrol.

Polo contido da conversación e polo ruído de fondo, apunta o Tribunal Superior nun comunicado, "parece que o maquinista consulta un plano ou algún documento similar en papel".

Fontes da investigación consultadas por Efe indicaron que na chamada con persoal de Renfe a través do teléfono profesional, que se atopa extraviado tras o impacto, escóitase dicir a Garzón ata tres veces a expresión "cagueina", xusto antes do sinistro.

Estas fontes consideran que a causa de que o terminal do teléfono estea extraviado é que o condutor puido habelo lanzado para pisar o freo e intentar facerse cargo da situación, algo que non logrou.

O baleirado e transferencia de datos das caixas negras produciuse esta mañá nos xulgados de Santiago de Compostela, nun procedemento no que en total se investiron cinco horas.

O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Compostela, Luis Aláez, ordenou a realización de copias de seguridade do contido das caixas e para iso contactouse "por prevención" co fabricante que remitiu as instrucións por escrito e en varios idiomas, informaron a Efe fontes próximas á investigación.

Tamén ordenou o rastrexo das chamadas do teléfono corporativo de Garzón Amo. Anteriormente, xa fora ordenada a consulta da últimas operación dos seus terminais -a do traballo e a persoal- para dilucidar se algunha chamada ou conversación por mensaxes estaba detrás do ''descoido'' que el mesmo recoñeceu.

Extraéronse das caixas negras tanto datos técnicos como de voz, e fíxose unha transcrición das conversacións en tempo real, sinalaron as mesmas fontes consultadas.

Durante o envorcado de datos en sede xudicial estiveron presentes o titular do xulgado número tres, a secretaria xudicial e o fiscal, así como integrantes da policía científica, xudicial, técnicos de Renfe, Adif e técnicos da Comisión de Investigación do Ministerio de Fomento.

Os datos foron extraídos nun lapis de memoria achegado polo xulgado e posteriormente fixéronse copias autentificadas con firma dixital.

O xuíz decidiu, ademais, autorizar aos técnicos da Comisión de Investigación de Fomento a realizar medicións das rodas dos vagóns, sempre acompañados por policía xudicial, no depósito de Padrón ao que foron trasladados.

Faltan por completar inspeccións oculares e, ademais, está pendente o acceso a pequenas zonas pechadas por ferros que hai que cortar, apunta o Tribunal Superior, que sinala que existe "a posibilidade de que se trasladen cans para realizar unha última inspección dos restos".

Tamén está previsto realizar un estudo da máquina
e, polo momento, non foi citado para declarar ningunha testemuña, aínda que si se coñece que será chamado a comparecer o maquinista ao que Garzón Amo deu substitución en Ourense. 

''UN DESCOIDO''
Francisco José Garzón Amo, maquinista do Alvia accidentado nas inmediacións da estación da capital galega o pasado mércores, recoñeceu ante Luis Aláez, titular do xulgado de instrución número tres de Santiago, que esa tarde noite despistouse ata o punto de non saber onde estaba.

Fontes próximas ao caso informaron a Efe de que o condutor deste convoi, ao que se lle imputan 79 delitos de homicidio e unha pluralidade de delitos de lesións, todos eles labores por imprudencia profesional, recoñeceu que superaba o dobre da velocidade permitida na curva da Grandeira, limitada a 80 km/h.

Tamén que creu que non estaba neste punto do percorrido e que cando quixo frear, "que chegou a facelo", xa era demasiado tarde.

Garzón Amo aceptou este domingo no seu testemuño de preto de dúas horas que o ocorrido non é achacable a un fallo técnico, e tampouco ás condicións do vehículo que pilotaba nin do trazado, senón a un "erro humano", unha distracción.

Está obrigado a comparecer cunha periodicidade semanal ante o xulgado que se designe e ten prohibido saír do territorio nacional sen autorización xudicial durante seis meses. Igualmente intervir de forma cautelar a licenza profesional para a condución de ferrocarrís por igual prazo.

A medida interposta foi aplaudida pola páctica maioría de asociacións de xuíces na Comunidade, que recordan que as accións cautelares non deben ser de seu un ''escarmento''.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sinalou nesta nota que o paso a disposición xudicial produciuse ás 19:00 horas deste domingo e que en primeiro lugar realizouse en dependencias xudiciais unha dilixencia relacionada co seu teléfono móbil.

INFORME SOBRE UNHA EMERXENCIA
Por otraparte, un testado elaborado pola Policía sobre o accidente ferroviario conclúe que o maquinista Francisco José G.A. presionou todo o tempo o pedal coñecido como home morto, un dispositivo de seguridade que detén automaticamente o tren no caso de que o condutor se desvaneza ou se ausente da cabina durante un período.

Se o condutor dun ferrocarril deixa de presionar este dispositivo, aos 27,5 segundos o tren freouse. Pero, segundo informaron a Europa Press fontes da investigación, o atestado que foi entregado ao titular do Xulgado número tres de Santiago, Luis Aláez, recolle que o maquinista foi presionando todo o tempo este pedal.

Nin o fiscal, Antonio Roma, nin o resto das partes acudidas -Renfe, Adif e dúas compañías aseguradoras- pediron prisión preventiva para o condutor, ao entender que non hai risco de fuga, nin de destrución de probas, e tampouco de reiteración delituosa.

Ademais, comentaron as mesmas fontes que este mecánico, natural de Monforte de Lemos, nas chamadas ao servizo de incidencias 24 horas de Adif, sen coñecer a dimensión do descarrilamento do convoi, diría: "Son humano", "somos humanos", "espero que non haxa mortos porque caerán sobre a miña conciencia".

Son 79 os falecidos confirmados. O último deceso produciuse onte, o dunha cidadá estadounidense de orixe portorriqueña, Myrta Fariza, que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Comentarios