O xulgado arquiva o caso Andrea con eloxios aos pais e os pediatras

Nun auto, o xuíz agradece a "extraordinaria enteireza" de Estela Ordóñez e Antonio Lago e a "profesionalidade e colaboración" dos médicos responsables da asistencia á nena

O xulgado de primeira instancia número seis de Santiago, que era o que atendía o chamado caso Andrea, emitiu un auto no que se comunica o arquivo da causa, o cal determina o "lamentable falecemento" da menor acaecido este venres.

O maxistrado Roberto Soto agradece nesta resolución a "profesionalidade e absoluta colaboración" do actual médico responsable da asistencia á pequena e do xefe do servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Chus) no que a nena estaba ingresada.

Así mesmo, celebra "a extraordinaria enteireza" dos pais desta paciente, Antonio Lago e Estela Ordóñez. Este matrimonio, que solicitou para a súa filla maior unha morte digna, emitiu un comunicado no que manifestan que Andrea, afectada case desde que naceu dunha enfermidade rara e irreversible, foise "en paz e con tranquilidade, sen sufrir".

Comentarios