O xuíz Ruz chama a declarar as secretarias de Bárcenas e Lapuerta

O xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz citou como testemuñas o día 10 de setembro as que foron secretarias dos ex tesoureiros do PP Luis Bárcenas e Álvaro Lapuerta, así como aos tres membros do Departamento de Auditoría Interna do partido.

Nun auto, o xuíz empraza para ese día ás secretarias Rosa María López Merinero e Estrella Domínguez López e aos membros da auditoría Carlo Luca Bigmani, Benito Javier Torre de la Fuente e Antonio López de Pablo, dentro da peza separada na que investiga os chamados papeis de Bárcenas.

Faio logo de pedir ao PP, o pasado 30 de xullo, que identificase a todos aqueles que "poderían ter acceso á contabilidade" do partido desde 2002 e que comunicase os nomes das secretarias e dos tres auditores, sobre os que declarou no seu día a xefa de contabilidade do PP, Milagros Puente.

Puente, que exerce esta función desde 1999, afirmou a Ruz que ela era a única persoa que introducía a contabilidade na formación política, pero, ao ser preguntada sobre quen tiña acceso aos apuntamentos contables, indicou que ela, tres auditores internos e Bárcenas.

No auto notificado hoxe, Ruz tamén cita o día 10 a uns peritos da Policía para que ratifiquen un informe que realizaron sobre a memoria USB achegada por Bárcenas a Ruz cunha serie de documentos, entre eles os papeis cunha suposta contabilidade B no PP.

O xuíz encargou ese informe sobre os arquivos da memoria USB que achegou o ex tesoureiro para determinar a data en que "tales arquivos aparecen confeccionados ou modificados" e se hai datos que puideron ser "borrados, eliminados ou alterados de calquera forma".

Ruz incorporou á peza dos papeis de Bárcenas once arquivos dese pendrive, tras eliminar os de carácter íntimo e persoal do ex tesoureiro. Uniu outros dous arquivos ao sumario principal do caso Gürtel.

O informe pericial informático encargado polo xuíz á Sección de Informática Forense da Unidade Central de Criminalística da Policía Científica era "ao obxecto de acreditar a correspondencia e correlación que houber de existir" entre os diferentes arquivos do pendrive, "o contido da información albergada nos mesmos e a data en que tales arquivos aparecen confeccionados ou modificados".

Finalmente, o xuíz pide no auto de hoxe que se transcriban as declaracións prestadas esta semana pola secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, e os seus antecesores nese cargo Javier Arenas e Francisco Álvarez Cascos, así como polo empregado de caixa do PP Antonio Ortiz, e o xerente que sucedeu nese cargo a Luis Bárcenas, Cristóbal Páez.

Indica que esa transcrición debe facerse "o máis axiña posible" e engade que a razón de non dala ás partes en formato vídeo está motivada pola "difusión pública que en ocasións anteriores tivo lugar" coa filtración de gravacións doutras declaracións de imputados.

Comentarios