O xuíz José Castro: "Non esperaba este tipo de sentenza"

O maxistrado que instruíu durante cinco anos o caso Nóos viuse sorprendido con tantas absolucións
El juez del caso Nóos, José Castro
photo_camera El juez del caso Nóos, José Castro

O xuíz José Castro, que instruíu durante cinco anos o caso Nóos, afirmou que "non esperaba este tipo de sentenza" con tantas absolucións, entre elas a da infanta Cristina, pero matizou que agora haberá que lela e entender os razoamentos do tribunal para chegar a esa decisión. En declaracións a Efe, o xuíz opinou que no caso da infanta parece que "a ignorancia da que ela facía gala" no xuízo e instrución "mereceu crédito" do tribunal, "como se puido dar crédito ao que dixese Rosalía Iglesias e Ana Mato", en referencia á muller de Luis Bárcenas e á exministra de Sanidade, axuizadas no caso Gürtel.

"Se ese é o convencemento ao que chegou a Audiencia Provincial, difire do meu, pero o que vale é o seu e hai que respectalo e punto", engadiu.

O maxistrado indicou que "haberá que ler as argumentacións para saber por que se chegou a esa conclusión", xa que só o fallo (a sentenza ten máis de 700 folios) "non che dá unha pista fiable de por que ocorreron as cousas". "Hai que respectar e acatar esta sentenza", dixo para engadir que o tribunal, á parte de condenar ou absolver, tamén debe "convencer ás partes do litixio", porque "non en balde os xuízos son públicos para incentivar a confianza da cidadanía na xustiza".

"Quizá un non esperaba este tipo de sentenza así, pero se se nos explica por que se chega a este resultado, é posible que o entendamos ou ben que sigamos sen entendelo", dixo. "Sería interesante ler esa argumentación -proseguiu- e poderiamos entender por que se absolveu a determinadas persoas ou por que a redución de pena foi tan drástica".

Castro tamén se quixo defender das críticas de que a instrución do caso foi lenta e recordou que a causa naceu en xullo de 2010, cando abriu unha peza separada do caso Palma Area para investigar as actividades do Instituto Nóos de Iñaki Urdangarin. Estivo a investigarse, dixo, ata xuño de 2015, pero co caso estivo un ano "entretido" no Tribunal Superior de Justicia da Comunidade Valenciana, polo que a investigación durou algo menos de catro anos.

Un período que Castro non considerou excesivo tendo en conta os "ridículos medios" a disposición do xulgado, a complexidade da causa e a cantidade de recursos que foron presentando as partes.

Comentarios