O xuíz impón fianzas de 158,53 millóns de euros para tres imputados no caso Pescanova

O Xuíz Pablo Rafael Ruz Gutierrez, da Audiencia Nacional, impuxo unha fianza solidaria por 158,53 millóns de euros a Carlos Turci Domingo, Alfonso García Calvo e Ángel González Domínguez, imputados polo caso Pescanova, segundo figura nun auto ao que tido acceso EFE.

Con esta fianza trátase de garantir as eventuais responsabilidades pecuniarias derivadas da causa de Carlos Turci que era director financeiro da filial Pescafina; Alfonso García Calvo, xefe de servizo de Pescanova e administrador solidario con Manuel Fernández de Sousa-Faro de Novapesca Tranding, e Ángel González Domínguez, xefe de contabilidade de Pescanova.

No auto déixanse sen efecto, de forma provisional, as fianzas impostas a Jesús Carlos García, Pablo Javier Fernández, José Antonio Pérez- Nievas, Sociedade Galega de Importación e Exportación de Carbóns S.A., Inverpesca, Inverlema e Sociedade Anónima de Desenvolvemento e Control.

Mantén as fianzas dos imputados Manuel Fernández de Sousa-Faro (178,85 millóns), Alfonso Paz-Andrade (125,066 millóns), e as de Fernando Fernández de Sousa-Faro, Rober Albert Williams, Antonio Táboas Moure, Joaquín Viña Tamargo e Alfredo López Uroz, así como á sociedade ICS Holding Limited( 69,41 millóns de euros cada un).

No caso Pescanova estúdase o comportamento dos administradores desta sociedade que utilizaron información das contas e informes da entidade que non se axustaban á realidade para proporcionar unha imaxe irreal da súa situación económica e patrimonial, segundo figura nos autos da causa.

Comentarios