miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

O indixente Julius, que pasou o verán entre Burela e Foz, faleceu en Lugo

Julius, por las calles de Burela. ama
Julius, por las calles de Burela. ama

Julius Leader, o indixente que estivo durante gran parte do verán e ata novembro na Mariña, máis concretamente entre Burela e Foz, morreu onte no hospital Lucus Augusti de Lugo, a onde foi trasladado o pasado 24 de novembro. O home, que vivía e durmía na rúa e sempre camiñaba cunha manta encima escondendo as poucas pertenzas das que era dono, tiña 31 anos e era de orixe alemán.

A noticia, que puido confirmar este medio, saltou a través da rede social Facebook e en pouco tempo as demais redes tamén se encheron de mensaxes sobre este indixente e o seu peculiar estilo de vida. Aínda que non molestaba a ninguén, nin mendigaba, nin pedía, o forte cheiro que desprendía pola súa falta de hixiene e algunhas condutas pouco apropiadas, como durmir coa metade do corpo na beirarrúa e a outra metade na calzada, provocaron que houbese algunhas queixas veciñais tanto en Foz como en Burela.

O traballo dos servizos sociais burelenses, a través da concelleira popular Diana Durán, fixo que Julius fose atendido primeiro no Hospital da Costa de Burela e pouco despois fose trasladado a unha unidade psiquiátrica en Lugo en novembro pasado. Isto foi posible grazas a uns informes que emitiu o goberno burelense á fiscalía e aos xulgados de Viveiro, onde abriron un proceso para proceder á súa incapacitación.

Julius Leader naceu en Alemaña en 1980. O diñeiro co que contaba na Mariña, xa que nunca se lle viu medir nin mendigar, enviáballo a súa familia desde o país centroeuropeo, segundo se dicía na costa mariñá.

UNHA HISTORIA. A versión máis estendida é que se trataba dun mariñeiro alemán que quedou na Coruña non se sabe moi ben se por vontade propia ou se abandonado polos seus propios compañeiros. Desde entón, e fálase de 2006, deambulaba pola vida con paso lento e unha historia que circulou polas redes sociais durante os últimos meses. Era habitual velo camiñando entre Foz e Burela, pola estrada, coa súa manta ao lombo, ou bañándose na praia.

Antes de chegar á Mariña estivo na Coruña, Oleiros, Ferrol, Cedeira e en Viveiro, pero os seus últimos días antes de ser internado en Lugo foron entre Burela e Foz. Era unha persoa que decidiu vivir a vida dun xeito distinto durante os últimos cinco anos. Vivía ao seu xeito, libre, camiñando dun lado a outro, sen molestar, pero sempre era o mal cheiro o que chamaba a atención e espertaba as críticas dos cidadáns. O seu descoñecemento do español tampouco axudaba a este ‘indignado' alemán cuxo destino acabou en Lugo, unha cidade sen mar para un mariñeiro sen teito.

O indixente Julius, que pasou o verán entre Burela e Foz, faleceu...
comentarios