O IGAPE mobilizará préstamos directos por valor de 15 millóns para empresarios e emprendedores galegos

A Xunta anunciou hoxe que o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) xestionará os préstamos directos Jeremie, cos que a Consellería de Economía e Industria busca mobilizar 15 millóns de euros para apoiar ao tecido empresarial galego e á creación de emprego.

Os préstamos constitúen unha liña "pioneira" na Comunidade e teñen unha dotación inicial de oito millóns de euros, procedentes dos fondos Feder e cos que se outorgarán créditos de entre 70.000 e 1.050.000 euros para financiar ata o 70 por cento dos proxectos, informa a Xunta nun comunicado.

Os prazos de amortización dos préstamos serán de ata sete anos cun de carencia e os empresarios e emprendedores galegos contarán con intereses que pode ser inferiores ao 1,3 por cento.

Así, a Xunta sinala, na mesma nota, que se trata de intereses fixos vinculados ao euribor e que se calcularán sumando a este indicador a un ano vixente no momento da concesión un tipo adicional que oscilará entre un 0,75 e un 3 por cento en función do importe total do préstamo.

Esta nova liña de financiamento está destinada a pemes ou microempresas que busquen novas instalacións produtivas ou ampliar, modernizar ou diversificar as xa existentes.

Estes créditos, conclúe a Xunta, constitúen unha das liñas máis destacables do programa Galicia 1000, dotado con 50 millóns de euros e co que o Executivo galego pretende apoiar 1.000 novos proxectos empresariais a través da mobilización de preto de 200 millóns de euros.

Comentarios