O Pesca 2 rescatou a tres mozos que quedaron atrapados en Esteiro

Os evacuados estaban a uns 500 metros do areal mirando desde este ao mar

O helicóptero Pesca 2 do Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar, con base en Celeiro, rescatou este luns pola tarde a tres mozos estranxeiros —dous mozos e unha moza— que quedaran atrapados nunha zona rochosa da praia de Esteiro, no municipio coruñés de Mañón. Os evacuados estaban a uns 500 metros do areal mirando desde este ao mar.

Os tres mozos introducíronse na auga e despois non daban saído cara a terra, polo que alcanzaron a zona das rocas, onde a corrente é máis importante e subíronse a elas. Trátase dunhas rocas que forman unha especie de illa que está a poucos metros dun carreiro que utilizan os percebeiros e pescadores para acceder desde terra, aínda que ao subir a marea quedaron illados, posto que a auga rodea o saínte e resultaba máis perigoso saír a nado.

Ademais a mar estaba picada, segundo o responsable de Protección Civil, Jesús López Vázquez. A incidencia, da que alertou un particular, saldouse cuns pequenos arañazos que sobre todo afectaron a un dos mozos, que acabou con feridas superficiais nunha perna cando rubiu polas rocas, así como algún arañazo no resto do corpo.

Os voluntarios de Protección Civil trataron de tranquilizar aos mozos desde terra ata que chegou o helicóptero, que os desprazou ata o próximo campo de fútbol, onde os esperaba un equipo de sanitarios do 061 cunha ambulancia que se ocupou de atendelos. Tamén foi avisada a Garda Civil e Salvamento.

Comentarios