O grelo voa en Abadín cara ao Entroido

 

A remocicada chaira feiral de Gontán recobrou o maior esplendor das súas xornadas de mercado coa sétima edición de Expogrelo. A cita monográfica en torno ao ‘ouro verde' de Abadín permitiu a vinte produtores locais despachar máis de 2.000 quilos de verdura fresca e de contrastada calidade.

A Expogrelo de Abadín, unha cita feiral auspicida polo Concello en colaboración cos produtores locais, xa se consolidou no calendario gastronómico como un mercado de obrigada concorrencia nas datas previas ao Entroido, cuxos copiosos ágapes fornece non só cos grelos, senón das múltiples, saborosas e diversas pezas ou artigos de porco.

O calendario, xunto coa benévola meteoroloxía, foron nesta edición dous aliados que contribuíron a dar un lustre especial á feira do grelo de Abadín, un mercado ideado para dar saída a un produto perecedoiro.

Sete anos despois e unha vez cumprido o obxectivo, a pretensión da feira do grelo de Abadín xa non se cingue ás vendas propiamente ditas, senón que Expogrelo busca converterse nun marco atractivo, a modo de escaparate, para promocionar o grelo nos mercados comarcais, provinciais e alá onde se poida chegar.

A evolución advertida no desenvolvemento deste mercado monográfico tamén incumbe aos propios produtores, xa que «máis dun 70% das greleiras de Abadín están adheridas á IXP Grelo de Galicia, cuxo presidente, José Luís Dadín, acompáñanos», relatou a tenente de alcalde de Abadín, Begoña Gaute, quen sostén, do mesmo xeito que o acalde, José María López Rancaño, que «a calidade que ten o grelo de Abadín é dificilmente superable».

A elevada demanda de produto rexistrada onte no mercado de Gontán non só referenda tales apreciacións, senón que vén explicar o crecente nivel de vendas dun artigo, despachado ao prezo dun euro a mada —o quilogramo—, pero que conforme avanza o tempo conquista a máis padais e novos mercados.

O apoio institucional brindado polo Concello de Abadín aos produtores tamén persegue a promoción da materia prima, razón pola cal acudiron invitados a Gontán á VII Expogrelo responsables políticos dos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e, entre outros, Mondoñedo, ademais de destacados membros da Administración autonómica.

O Concello, a modo de incentivo, tamén agasallou con 100 euros en premios aos produtores de máis calidade, galardóns que recaeron en Isabel Seijo, Orsita Sierra e Matilde Verdes. Vanessa Belo, Aniceto Seijo e Marisol Grandío conquistaron, por esta orde, os tres premios no apartado de decoración, mentres que Esther Cruña gañou en simpatía. Os premiados deberán gastar os seus vales nos negocios de Abadín.

Comentarios