O Govern balear seguirá a aplicar o decreto mentres recorre ante o Supremo a decisión do TSJB sobre o trilingüismo

O Govern balear recorrerá ante o Tribunal Supremo a sentenza que anula o decreto para a implantación do trilingüismo na educación, que se continuará aplicando con total "normalidade" este curso escolar, asegurou a consellera de Administracións Públicas, Núria Riera (PP).

A consellera dixo que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza das Illas Baleares (TSJIB) coñecida hoxe alude a cuestións de "forma'', pero non de ''fondo" sobre o referido decreto.

Riera insistiu en que o alto tribunal balear non cuestiona en ningún momento a aplicación do trilingüismo, que é unha "aposta" e un "compromiso" do Govern coas familias, os cidadáns e os alumnos para mellorar a formación educativa dos estudantes das illas e diminuír o fracaso escolar.

Nos corredores do Parlament, a consellera ofreceu unha "mensaxe de tranquilidade" porque o trilingüismo continuarase aplicando nas aulas.

O executivo balear "respecta" as sentenzas feita pública hoxe, aínda que "non a comparte", dixo Riera sobre a decisión do TSJIB de declarar nulo este decreto porque se aprobou sen a "imprescindible" consulta á Universidade das Illas Baleares (UIB).

A consellera argumentou que a UIB puido dar a súa opinión sobre o decreto no seo do Consello Escolar autonómico, pero non o fixo.

Riera comentou que, como a sentenza do TSJIB non é firme, o decreto "pódese continuar aplicando con total normalidade".

"O trilingüismo é a nosa aposta electoral e a nosa aposta de goberno", insistiu a titular de Administracións Públicas, que engadiu que os escolares das illas "merécense que o curso continúe con normalidade e que o proxecto do trilingüismo se siga a aplicar para beneficio da súa educación".

Pola súa banda, a xefa da oposición, a socialista Francina Armengol, pediu ao presidente balear, José Ramón Bauzá, que convoque "hoxe mesmo" para negociar á comunidade educativa, que non se merece de ningún xeito o desastre que provocou" coa imposición do Tratamento Integrado de Linguas (TIL).

Para a líder dos socialistas insulares, o conflito que desde principios do curso pasado arrastra a educación balear require "diálogo e capacidade de acordo", polo que pediu unha rectificación a Bauzá e advertiulle que sería un "erro monumental insistir en intentar burlar" a sentenza do TSJIB.

Na mesma liña manifestouse Biel Barceló, portavoz do outro grupo da oposición, a coalición nacionalista MÉS, que pediu ao Govern do PP que aproveite as sentenzas na súa contra para "reconducir a situación" e negociar coa comunidade educativa.

Comentarios