O Goberno mantén o estímulo á compra de vehículos

O Consello de Ministros aprobará mañá a extensión do Plan PIVE 3 co fin de manter as axudas de estímulo compra de vehículos, confirmaron fontes do ministerio de Industria..

Esta extensión que foi anunciada polo ministro de Hacienda, Cristóbal Montoro, terá as mesmas condicións que rexeron no plan PIVE 3 aprobado no mes de xullo.

Así contará cunha dotación de 70 millóns de euros, dirixidos a facilitar aos usuarios a compra de 70.000 coches baixo determinadas condicións de emisións de dióxido de carbono (CO2).

A introdución dunhas mínimas modificacións de contido social nesta iniciativa podería levar a un cambio de denominación, que sería Plan PIVE 4, subliñaron as fontes do sector.

Segundo os fabricantes de automóbiles, englobados na asociación Anfac, esta nova iniciativa do Goberno xerará unha demanda adicional de 26.000 vehículos, dos 70.000 que se acollerán aos seus beneficios.

Outros rendementos expostos por Anfac refírense a unha recadación fiscal para as arcas do Estado de 200 millóns de euros, dos cales 74 millóns (4 millóns máis que as dotacións) corresponden á demanda adicional.

En canto ao impacto ambiental asegúrase un aforro de 38 millóns de litros de carburante ao ano, un 45 % menos do que gastarían os coches vellos que serán retirados, e está previsto un descenso do 70 % en partículas, 1.000 toneladas menos de óxido de nitróxeno (NOX) e 106.000 toneladas de CO2, tamén en comparación co que emitirían os coches vellos a substituír.

A contía da axuda pública achegada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo é de 1.000 euros por vehículo, aos que se sumará o desconto que ha de aplicar o fabricante ou punto de venda do novo vehículo na factura de compravenda e que será, como mínimo, doutros 1.000 euros.

Xunto a esta medida de axuda, as fontes do sector consultadas por EFE, informaron de que entraría tamén o Plan PIMA-Aire 2, con modificacións que apuntan a un acceso ao mesmo dos particulares, á parte das pemes e autónomos que xa son beneficiarios desde o principio.

Neste caso, os usuarios particulares poderán elixir entre os beneficios da extensión do Plan PIVE 3 e o PIMA Aire 2.

Nas conversacións previas de Anfac co Goberno, a asociación fixo chegar peticións, como que se estableza a súa extensión aos coches seminovos dun ano de antigüidade e fixar o límite de prezos en 30.000 euros.

As fontes sectoriais consultadas por EFE puntualizaron que as dúas iniciativas foron analizadas na reunión da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos, preparatoria do Consello de Ministros.

As reticencias do sector apuntan ao Plan PIMA Aire 2, no sentido de que se pode demorar unhas semanas, xa que existen controversias acerca da inclusión no mesmo das motocicletas, e ao feito de que se trata dun Real Decreto que require modificación e, xa que logo, o informe preceptivo do avogado do Estado.

Comentarios