O Goberno local insiste na súa crenza de que logrará terminar o mandato

A portavoz do goberno municipal de Santiago, María Pardo, proclamou hoxe a súa inocencia e insistiu hoxe na súa crenza de que o Goberno local terminará o mandato, pese os casos xudiciais en que están inmersos membros da corporación.

A Fiscalía pide nove anos de inhabilitación para sete concelleiros, entre eles Pardo, por acordar pagar con fondos públicos a defensa do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, imputado na operación Pokemon.

Á saída dun acto público, Pardo recordou ante os xornalistas que o pasado xoves, nun pleno municipal, aseguroulle aos grupos de oposición que a corporación terminaría a lexislatura, o que hoxe reiterou.

Preguntada por que pasará se os edís son inhabilitados, sinalou que nese caso xa sería "forza maior" e, a pregunta de se teñen un plan alternativo se se confirmase, sinalou: "Para nada, estamos a pensar que aínda ten que haber un xuízo; creo que somos inocentes e imos resultar inocentes, por suposto".

Aínda que "a ninguén lle gusta" que a Fiscalía pida nove anos de inhabilitación, segue pensando que se trata dun tema "administrativo" e que os cidadáns deben diferenciar o que é a corrupción dun caso deste tipo, no que se discute, "nin seguise a legalidade, senón a prevaricación nun tema de recoñecemento dun dereito".

María Pardo tamén dixo estar "moi sorprendida".

"Eu creo que esta corporación vai acabar a lexislatura, que o estamos facendo con moita responsabilidade e vou agora a traballar, que é o importante para a cidade", aínda que admitiu que se trata de momentos difíciles.

Preguntada por se cre que se se abre xuízo oral contra os sete concelleiros imputados o PP fará unha excepción cos edís composteláns e non os fará dimitir ata que termine o mandato da corporación, dixo non poder opinar do que non sabe.

"O que estou a dicir -repetiu- é que eu creo que esta corporación vai acabar a lexislatura, estamos a traballar coa data de 2015" en todos os seus proxectos municipais, "e punto, non vou facer máis avances sobre cousas que descoñezo".

Sobre a petición de nove anos de inhabilitación por parte da Fiscalía para ela e outros seis edís, dixo estar sorprendida incluso porque se faga un escrito de acusación, "non só os nove anos".

Sobre se cre que existe persecución por parte dos xuíces, manifestou que está imputada nun procedemento, polo que calará as súas opinións, que si expresará cando termine.

Comentarios