O goberno local aproba deixar a cero a débeda do Concello de Lugo

Esta decisión será sometida á consideración da comisión de Economía o vindeiro luns e irá a pleno o 26 de outubro

A xunta de goberno local aprobou este mércores dous expedientes para "deixar a cero" a débeda financeira do Concello de Lugo, coa amortización antes de final de ano dos 4,3 millóns de euros "que restaban" por pagar ás entidades financeiras coas que a administración local tiña contratados créditos.


Anunciárono este mércores en rolda de prensa a alcaldesa, Lara Méndez, e a edila de Economía, Ana Prieto, quen confirmaron que esa amortización da débeda financeira producirase nun contexto no que goberno local decidiu aplicar rebaixas e bonificacións en varias taxas e impostos municipais, ademais de manter o ritmo de investimento.

Lara Méndez recordou que o seu goberno mantivo nos dous últimos anos a senda que iniciou no seu día o seu antecesor, o tamén socialista José López Orozco, que logrou reducir durante os seus sucesivos mandatos a débeda financeira do Concello nun 36%.

Méndez afirmou que Lugo ten unha administración "completamente saneada, sostible e solvente", grazas a que veu amortizando débeda nos últimos anos, non contratou novos créditos e foi capaz de captar neste mandato uns 22 millóns de fondos europeos para seguir modernizando a cidade.

O feito de converterse na "segunda cidade de Galicia", logo de Vigo, en chegar á "débeda cero", é unha "decisión política histórica e responsable", engadiu a alcaldesa.

Pola súa banda, a edila de Economía confirmou que esta decisión será sometida á consideración da comisión de Economía o vindeiro luns -día 23- e irá a pleno o 26 de outubro, con "confianza de que os grupos políticos" da oposición saiban "ler a transcendencia económica" desta decisión. 

Comentarios