O Goberno enviará ao posto fronteirizo de Ceuta vinte novos axentes e un helicóptero

O ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, anunciou hoxe que Ceuta contará cun modulo máis (20 axentes) da Garda Civil de forma permanente e cun helicóptero que sobrevoará a costa e a fronteira con carácter disuasorio e para mellorar a operatividade do instituto armado.

Estas son algunhas das medidas de reforzo da seguridade que hoxe anunciou en rolda de prensa o ministro durante a súa visita a Ceuta, a primeira tras a traxedia do día 6 cando morreron quince subsaharianos, e que terá a súa continuidade mañá cunha visita a Melilla.

O ministro concretou que estas medidas forma parte dun plan para mellorar a infraestrutura da fronteira ceutí do Tarajal que xa se puxo en marcha e que terá continuidade coa incorporación dun terceiro grupo da Garda Civil para completar unha UBA (Unidade de Intervención Rápida).

Estas accións veranse reforzadas coa instalación dunha malla antitrepa, "que é moi eficaz" e que é un proxecto que está "a se culminar", e que se espera colocar en poucas "semanas" no valado fronteirizo de Ceuta e de Melilla. Así mesmo, previuse a ampliación dos espigóns do mar das dúas fronteiras de Ceuta (Tarajal e Benzú). "Mellorar a infraestrutura fronteiriza contribúe a mellorar a loita contra a inmigración irregular", concretou o ministro.

Outra das medidas será a mellora da subministración de enerxía dos 8,2 quilómetros de perímetro fronteirizo terrestre cun investimento duns 800.000 euros. "A fronteira ten que ser cada vez máis segura porque é un deber irrenunciable porque España ten o dereito e o deber de controlar as súas fronteiras e esperamos seguir facéndoo cun compromiso renovado da Unión Europea", sinalou.

En relación á localización das concertinas nos valados foi claro: "Estamos dispostos a estudar unha alternativa ás concertinas pero de momento ninguén nola expuxo. Estas concertinas, de superficie e de altura, non as colocou o actual Goberno pero non son agresivas senón disuasorias e son un elemento pasivo que tampouco son ilegais". Defendeu que a Garda Civil está a actuar nas fronteiras "respectando os dereitos humanos e a lexislación vixente tanto nacional como europea". Ademais, crearase unha comisión mixta hispano-marroquí o próximo 26 de marzo para resolver as situacións litigiosas que se deriven do acordo que desde 1992 teñen ambos os países sobre o rexeitamento en fronteira.

CRÍTICAS AOS CRÍTICOS

O ministro reclamou hoxe aos críticos coa actuación da Garda Civil o pasado 6 de febreiro que teñan sentido de Estado e non obstaculicen as solucións á presión migratoria que sofren as cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

Fernández Díaz apoiou a Garda Civil e tachou de absolutamente "inxusto e inmoral" que se acusou ao instituto armado pola súa actuación, ao respecto da traxedia de hai semanas, un asalto ao valo que tentou ser repelido e que tivo consecuencias mortais para polo menos unha quincena de inmigrantes. "Se queren contribuír a resolver de verdade ese problema e non queren facelo de forma activa, rógolles polo menos que teñan sentido de Estado, sentido común e responsabilidade" e non esa actitude "non construtiva nin responsable" que adoptaron, salientou o ministro.

Jorge Fernández Díaz expresou que os feitos dramáticos do 6 de febreiro "non é a primeira vez que se producen xa que ocorreron o 29 de setembro de 2005 en Ceuta e o 28 de agosto do mesmo ano en Melilla, pero entón o PSOE non pediu ningunha comisión de investigación". Neste sentido, o ministro destacou que estivo cinco horas ante a Comisión de Interior. "O PSOE pediu os vídeos, puxéronse a disposición de todo o mundo a través da páxina web do Ministerio e aínda seguen pedindo a comisión de investigación, co cal creo que tratan de desgastar ao Goberno e fano a costa do falecemento dramático de persoas", sinalou.

O ministro asegurou que o Goberno tivo "transparencia, a cal non tiveron eles", polo que pediu un pacto de Estado para afrontar a inmigración irregular. "O sentido común e de Estado deben predominar por encima da lexítima crítica partidista", subliñou.

Comentarios