O Goberno custeará ata o 40% do aluguer ás familias con menos ingresos

O Goberno anunciou hoxe un programa de medidas para o sector da vivenda cun investimento próximo aos 2.500 millóns, dos que 1.500 millóns irán destinados a facilitar o acceso á vivenda e outros 627 millóns á rehabilitación e a eficiencia enerxética.

Durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a ministra de Fomento, Ana Pastor, asegurou que o novo Plan Estatal de Fomento do Aluguer de Vivendas 2013-2016 e, fundamentalmente, o proxecto de lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana terán un efecto dinamizador na economía e o emprego.

A posta en marcha do novo plan xerará 32.000 empregos grazas ás axudas directas, o que unido ao efecto multiplicador elevará a creación de traballo ata os 105.000 empregos. De feito, por cada millón de euros investidos en rehabilitación xéranse 56 postos de traballo directos e por cada 1.000 euros de axuda directa xérase un investimento de 3.300 euros.

O obxectivo deste paquete de medidas é garantir a flexibilidade a unha vivenda "digna e adecuada" para paliar a situación dos colectivos máis vulnerables, mellorar o estado de conservación e a calidade das vivendas e a reconversión dun sector como o da construción, sinalou a titular de Fomento. Todo iso nun contexto marcado por un parque de 26 millóns de vivendas (15 millóns delas con máis de 30 anos e 6 millóns con 50 anos de antigüidade) e un mercado do aluguer que representa tan só o 17 %, moi por baixo do 83 % da vivenda en propiedade.

O novo plan de vivenda facilitará o acceso ao aluguer para persoas maiores de idade cun límite de ingresos inferior a tres veces o Iprem (indicador público de rendas múltiples) cun aluguer mensual igual ou inferior aos 600 euros e unhas axudas de ata o 40 % da renda cun límite de 1.200 euros/ano por vivenda.

Este plan beneficiará a 133.000 persoas, preferentemente aquelas que foron desafiuzadas. Así mesmo, incluiranse axudas de subsidiación para a compra de vivenda grazas ao pago de parte dos intereses ás persoas que teñen unha hipoteca.

No marco do programa de fomento do parque público de vivenda en aluguer as axudas serán de 250 euros/m2 e un límite do 30 % do custo da edificación ata os 22.500 euros por vivenda. Contará con dúas liñas: vivenda en rotación para persoas necesitadas (prezo aluguer inferior a 4,5 euros/m2) e outro para unidades de convivencia (6 euros/m2).

Na rehabilitación de edificios completos, anteriores a 1981, as axudas serán de ata 4.000 euros por vivenda e non máis do 35 % do orzamento, en tanto que o programa para renovación urbana (100 vivendas mínimo, salvo casos históricos degradados) terá unha axuda máxima do 35 % do orzamento ata os 11.000 euros por vivenda rehabilitada. No caso da execución de proxectos de especial transcendencia, as axudas serán do 40 % do orzamento ata 11.000 euros por vivenda rehabilitada.

Comentarios