O Goberno anuncia unha dotación de 70 millóns de euros para a terceira edición do Plan Pive

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Saenz de Santamaría, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello de Ministros a terceira edición do Plan PIVE (PIVE 3) cunha dotación de 70 millóns de euros.

Sanez de Santamaría explicou que nos próximos días será aprobado un decreto para a dotación de 70 millóns de euros para o novo Plan.

Así, o Goberno dá continuidade ao Plan de Incentivos ao Vehículo Eficiente, que na súa segunda edición, reportou ás arcas do Estado 184 millóns de euros e xerou unha demanda adicional de 50.000 vehículos, segundo datos do sector, nun momento no que o mercado do automóbil sofre a súa peor crise da historia.

Ante o anuncio, a Asociación Nacional de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac) calcula que o Plan PIVE 3 será un novo impulso cara á recuperación económica do país, ao xerar un impacto económico duns 800 millóns de euros.

Os fabricantes consideran que estes plans demostraron ser un revulsivo económico ao conseguir recuperar o mercado de particulares, facer crecer a recadación fiscal, e situar o mercado español cun comportamento mellor que o mercado francés, italiano e alemán.

Tamén tiveron un forte impacto ambiental ao reducir as emisións dos vehículos e tamén na seguridade das estradas, xa que os coches que se retiraron da circulación tiñan 16 anos de media.

Anfac calcula que a decisión dos ministerios de Industria e Hacienda dará cobertura a outros 70.000 turismos, xerando unha demanda adicional de 26.000 unidades.

Os ingresos fiscais aproximaranse aos 278 millóns de euros, dos que 200 millóns corresponderían só ao IVE e Imposto de Matriculación. Ademais, o aforro en emisións de CO2 alcanzará as 116.000 toneladas ao ano, en tanto que a redución dos consumos calcúlase que roldará os 30 millóns de litros de combustible, cun aforro enerxético de 39 millóns de euros.

Tamén estiman os fabricantes que o aforro de emisións de partículas sería de 77 millóns de toneladas ao ano e os aforros en NOX (óxidos de nitróxeno) estarán próximos aos 1.000 millóns de toneladas ao ano. No caso do CO (monóxido de carbono) a redución aproximarase aos 3.000 millóns de toneladas ao ano.

O Plan PIVE, de forma xeral, serviu de colchón para que o mercado de turismos non tivese un esborralle maior ao actual e permitiu dinamizar a actividade económica xerando riqueza.

O PIVE 2 recadou 430 millóns de euros só polo IVE e Imposto de Matriculación, dos que, case 174 millóns corresponden a unha demanda que non se produciu se non é polo programa PIVE 2.

Pero os efectos multiplicadores deste Plan súmanse aos efectos expansivos do sector do automóbil pola súa influencia sobre outros sectores.

Calcúlase que o Plan PIVE 2 xerou unha produción económica de preto de 1.700 millóns de euros, dos que 800 millóns de euros serían de efecto directo (produción, seguros, financiamento, transporte, etc.) Ademais, permitiu que o medio ambiente teña un aforro importante en emisións de CO2, cunha redución de máis 229.000 toneladas nun ano.

Tamén os consumos nos vehículos conseguiron unha redución de 82 millóns de litros ao ano, o que equivale a un aforro enerxético de máis de 100 millóns de euros.

Doutra banda, este Plan permitirá manter o tecido empresarial da rede de distribuidores. "Medidas como as que aprobou hoxe o Goberno apontoarán o inicio da recuperación económica que se espera para o último trimestre do ano. É básico recuperar o consumo porque non haberá crecemento económico sen consumo e o automóbil é un acelerador do mesmo'', segundo Mario Armeiro, vicepresidente executivo de Anfac.

Os estímulos ao consumo de automóbiles xeran rendas fiscais e reducen o IPC. Están na base do crecemento económico polo efecto multiplicador que ten o automóbil sobre outros sectores.

"O automóbil é un sector de oportunidades para a economía e sociedade españolas e a venda de coches é unha engrenaxe crave para mover a máquina da recuperación. Estamos convencidos de que esta decisión de Industria e Hacienda repercutirá de forma positiva na xeración de maior actividade económica", conclúe Mario Armeiro.

Comentarios