O GDR Ribeira Sacra apoiou no seu ano de vida 30 plans por valor de 2,5 millóns

Julio Álvarez. aep
photo_camera Julio Álvarez. aep

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra, cuxo presidente é o alcalde quirogués, Xullo Álvarez, aprobou trinta proxectos cun investimento que se achega aos 2,5 millóns de euros no seu primeiro ano de funcionamento. Os plans execútanse nos municipios de Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober.

Así mesmo, hai outros oito expedientes xa tramitados e que están a piques de ser presentados ante a xunta directiva do grupo para que lle dea o seu visto e prace. O investimento previsto neste caso de 910.672 euros.

Os responsables de Ribeira Sacra propuxeron arquivar nove proxectos, mentres que outros seis atópanse en fases de estudo.

En canto ás iniciativas que contaron co visto e prace do GDR, destaca o valor das chamadas produtivas, que suman dous millóns de euros e que permitirán a creación de 19 postos de traballo: catro en Bóveda e Monforte; sete, en Quiroga; un, no Saviñao; e tres, en Ribas de Sil, así como consolidar un total de 38 xa existentes.

detalles. Nesta categoría de proxectos, na cidade do Cabe apoiáronse dous do colectivo de apoio aos discapacitados intelectuais Prodeme, consistentes na compra dunha máquina moledora e mesturadora para fabricar comida para o gando vacún da súa explotación e na adquisición dun aparello para tratar os xurros obtidos desa granxa e obter abono ecolóxico para a súa posterior comercialización en sacos.

No Saviñao subvencionouse un plan de venda mediante unha máquina expendedora de leite fresco proveniente dunha explotación situada en Aiaz.

No municipio de Bóveda apoiouse a ampliación dun restaurante e a modernización dun taller de cantería para que poida transformar granito en bruto en produtos manufacturados, como cornixas, balaustres, mesados ou escaleiras.

O GDR Ribeira Sacra considerou interesantes subvencionar a ampliación das instalacións dunha empresa que opera en Quiroga e dedícase á montaxe e distribución de equipos de enerxía minieólica, solar e térmica, ademais dun obrador de pastelería e panadería.

Tamén se acordou axudar ao promotor dunha empresa que se dedicará a fabricar estruturas metálicas, para o que precisa facer unha nave no polígono industrial do municipio.

Comentarios