O lume tampouco dá tregua en decembro: 300 hectáreas arrasadas no Parque Natural do Xurés

Galicia é pasto das chamas tamén en decembro cun incendio forestal no Parque Natural Serra do Xurés que arrasou trescentas hectáreas, segundo as estimacións provisionais da Xunta, e que se suma a outro lume rexistrado esta mesma semana nesta mesma provincia, en Ourense.



A Consellería de Medio Rural e Mar informou de que as chamas continúan activas, e concentradas no Concello de Muíños, gobernado por Plácido Álvarez Dobaño (PP), que se desprazou á zona e que, do mesmo xeito que os veciños, pensa que existe unha clara intencionalidade por parte dun ou máis "desalmados".

Os fortes refachos de vento complicaron os traballos de extinción, e os efectivos viron caer árbores e esborrallarse o tellado dun recinto deportivo, á parte de comprobar como as condicións meteorolóxicas provocaban a reactivación dos focos.

Manuel González, un veciño do núcleo de Alvite, pertencente a este termo municipal, contou que se decatou do lume polo aviso doutro residente.

"Levanteime, porque era case de noite, e cando saín de casa xa vin unha cordilleira duns tres quilómetros de lume, por exemplificalo dalgún xeito", relatou.

Queixouse ademais de que non se limpan as pistas e tampouco existe a protección adecuada a pesar de que este enclave natural é Reserva da Biosfera.

O responsable do Grupo de Urxencia Supramunicipal (GES) de Muíños, Julio Rivera, asegurou que a situación vivida foi "anómala" porque cando se orixinou este incendio, ás 19:05 horas do martes, moitos dos traballadores estaban fóra, por outro lume declarado na Boullosa, na localidade limítrofe de Baltar.

"Alí estaban ameazadas varias explotacións gandeiras, e o dispositivo desprazouse", apuntou.

A coincidencia horaria deixou practicamente sen medios aos profesionais que se achaban en Muíños, que tampouco puideron utilizar unha motobomba por mor das "deficiencias técnicas".

"A consecuencia do vento, caeron árbores, e a cuberta do campo de fútbol, practicamente nova", subliñou Rivera.

O Goberno galego informou á primeira hora da tarde de que continúa activo o incendio, concentrado en Muíños, na parroquia de Prado de Limia.

A superficie afectada está dentro do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés, afirma a mesma fonte.

Nos traballos de control participan oito axentes forestais, 14 brigadas, 8 motobombas, 3 pas e 2 avións.

Ata o lugar desprazáronse a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, Miguel Cela, quen declarou aos informadores que aínda que é "tempada baixa de risco de incendios, o risco existe e as imprudencias e as ganas de facer dano é evidente que tamén".


Por esta razón, pediu a implicación da cidadanía, "denunciando calquera comportamento" irregular que poidan observar, e apuntou que loxicamente "os medios en época de alto risco e de baixo risco son diferentes, pero dada a problemática concreta, Galicia conta cun operativo fixo, que funciona "todo o ano" .

Este mes, dixo, hai máis de 2.200 persoas dedicadas ao operativo de extinción e prevención, ademais de varios medios, entre eles, 200 motobombas e un helicóptero.

Outro incendio xa extinguido queimou esta mesma semana preto de vinte hectáreas de monte raso noutro municipio ourensán, Vilariño de Conso.

A pesar da súa proximidade ao Parque Natural do Invernadeiro, situado no macizo central ourensán, o rexedor de Vilariño, Ventura Sierra, dixo a Efe que o lume non entrou no parque.

Tamén a finais de novembro declarouse un lume forestal en Ribeira (A Coruña), que se saldou con 46,95 hectáreas arrasadas, 43,95 arboredos e o resto rasas.

Comentarios