O lume calcina máis de 6.000 hectáreas de monte durante este outono en Galicia

Os incendios forestais rexistrados nos últimos días en Galicia, especialmente na provincia de Ourense, arrasaron máis de 6.000 hectáreas, nun aciago outono para os montes da Comunidade, con moi altas temperaturas para esta época do ano.

Logo dun intenso fin de semana de loita contra o lume, a Xunta informou este martes de que desde o pasado venres se rexistraron uns 400 incendios e calculou, nunha primeira estimación, que queimaron máis 6.000 hectáreas, aínda que este número podería ser superior, posto que soamente ofrécese información dos de máis de 20 hectáreas, e nas últimas xornadas tamén se rexistraron numerosos lumes de menor dimensión.

A última hora da tarde, o incendio máis grave é o que afecta desde o xoves a Manzaneda (Ourense), preto da Serra do Invernadeiro, pois aínda que a Xunta apunta que non hai constancia de que afecte o parque natural, a zona é de gran pendente e estendeuse aos concellos de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, queimando no seu conxunto máis de 1.460 hectáreas.

Tamén é de gravidade o lume de Lobios (Ourense), municipio fronteirizo con Portugal, onde se atopa o parque natural do Xurés, e que afecta a unhas mil hectáreas.

Este lume procede de Portugal, onde se rexistra un gran incendio de varios miles de hectáreas, que chegou a varios puntos de Galicia polos ventos do sur que se rexistran na zona.

De oitocentas hectáreas é o de Maceda (Ourense), tamén activo, polo que os estes lumes foron cualificados como Gran Incendio Forestal, ao superar as 500 hectáreas.

Así mesmo súmanse, nesta provincia, os de Viana do Bolo (400), Maceda (250), Avión (228), Peroxa (200), Montederramo (200), Riós (200), Esgos (150) ou Gudiña (150).

En Lugo tamén hai lumes en montes de Carballedo (40), Palas de Rei (25), e outro xa controlado en Vilalba (200).

JUÁREZ RECLAMA UN ''DISPOSITIVO EXCEPCIONAL''
Na xornada deste martes o conselleiro de Medio Rural da Xunta, Samuel Juárez, reprochou ao Goberno que non poña en marcha aínda un "dispositivo excepcional" para investigar os incendios forestais rexistrados o pasado fin de semana en Galicia, que cifrou en 400.

En declaracións aos xornalistas ao termo da Conferencia Sectorial de Agricultura que se celebrou en Madrid, Juárez destacou que o 90 por cento dos incendios que se produciron este fin de semana foron provocados.

"O nivel de delincuencia roza o cualificativo de atentado", subliñou o conselleiro, quen evitou facer conxecturas" sobre os motivos desa elevada delincuencia.

As ALTAS TEMPERATURAS SON UN PROBLEMA

Pola súa banda, a ministra de Defensa, Carme Chacón, precisou que agora mesmo o seu Ministerio ten "máis de 400 efectivos despregados" en Galicia para axudar a controlar os incendios forestais, e que a maioría se atopan nestes momentos en Ourense.

Segundo explicou Chacón, o principal problema é que o verán se está alargando tanto, con temperaturas elevadas e moi pouca choiva, que o risco de que se produzan incendios é alto".

Logo de apuntar que agora mesmo "o despregamento maior atópase en Galicia" e, concretamente, en Ourense, a ministra Carme Chacón advertiu de que, "desgraciadamente, as temperaturas parece que van continuar igual", polo que os efectivos dispoñibles para loitar contra os incendios -uns 3.000 segundo fontes de Defensa- continuarán estando en situación de alerta.

A onda de lumes está a xerar tamén ampla polémica política en Galicia, ao considerar os grupos de oposición que a Xunta recortou os fondos para a loita contra os incendios.

Así, o PSdeG vinculou os incendios forestais coa "política de tesoira" do Goberno galego e apuntou que para este ano se conta con 22 millóns de euros menos para xestión forestal e prevención de lumes.

O BNG argumentou que a onda de incendios prodúcese mentres a Xunta "despide" ao persoal da empresa pública Seaga, encargada de contratar aos efectivos, ante o que demandou que o Goberno dea contas ante o Parlamento.

Comentarios