O Festival de Música Clásica encherá de público Ribadeo

Álvarez, Macía, Suárez, Pérez y Erice, ayer en el consistorio (Foto: I.G.)
photo_camera Álvarez, Macía, Suárez, Pérez y Erice, ayer en el consistorio (Foto: I.G.)

A vila consolida o seu Festival Internacional de Música Clásica ao alcanzar a sexta edición que se celebrará desde o vindeiro martes, día 9 de agosto, ata o 14 do mesmo mes, e que volverá atraer a máis dun milleiro de persoas á localidade, como ocorreu o ano pasado.

Músicos de talla internacional, como os membros do cuarteto Penderecki, procedentes de Polonia, Estados Unidos e Canadá, así como tamén os pianistas Leopoldo Erice, director do evento, e a xaponesa Jasmin Arakawa, actuarán todos os días, excepto o xoves 11, cunha charla previa a cada concerto, debido ao seu carácter didáctico. Todos os recitais ofreceranse ás 21.30 horas, no auditorio municipal Hernán Naval da vila ribadense.

Novacaixagalicia

A pesar da crise, Novacaixagalicia achegará os mesmo fondos para realizar o festival que en anos anteriores. Para o responsable de relacións institucionais da entidade en Lugo, Sinesio Pérez, este apoio é un exemplo claro de que este ente «segue sendo unha caixa, e seguirá tendo esa esencia de implicación social e de defensa da cultura, aínda que se convirta en banco a primeiros de setembro». Non en balde, a entidade financia festivais como o Galicia Clásica, o de Mozart na Coruña, os de jazz para lucenses e coruñeses, así como a xestión do Teatro Colón, entre outras achegas.

Prezos

As entradas, como sinalou chanceando Erice, «están máis baratas que un menú», xa que para adaptarse á actual conxuntura económica, mantivéronse en prezos moi baixos, «en dez euros para os adultos e en nove para os menores de 18 e os maiores de 65, aínda que tamén hai abonos para asistir todos os días de 40 e 45 euros», como informou o director do festival, que non deixou de agradecer, ademais da colaboración institucional, a de 30 «voluntarios e as empresas sobre todo de hostalería local que se están envorcando co evento».

Neste sentido, animou aos ribadenses a facer «cada vez máis seu o festival» acollendo nas súas casas aos músicos, «porque é unha experiencia moi especial». Tanto o rexedor, Fernando Suárez, como a edil de cultura, Mariluz Álvarez, agradeceron que a cita dinamice a vila «en pleno verán cando triplícase a poboación e que sexa do pouco cultural que se mantén a pesar dous recurtes».

Comentarios