O Festival Agrogay abre as súas portas na Ulloa

Braulio Vilariño, un dos promotores, defendeu o papel do rural porque nesa contorna colabórase e coopérase activamente
Festival Agrogay 2016
photo_camera Festival Agrogay 2016

Dar maior visibilidade á diversidade afectiva, sexual e vital do "campo" galego é o fin do didáctico Festival Agrogay da Ulloa, que se celebra este fin de semana nunha granxa, en concreto a de Maruxa.

En Cumbraos (Monterroso, Lugo), baixo o lema "Son Agrogay" e cun avultado programa de actividades dirixidas a todos os públicos, con música, artesanía, talleres, maxia e humor, esta cita marcada con vermello no calendario pretende profundar na necesidade dun rural defensor de todas as condicións, e dar prioridade, así mesmo, a outros principios como a sustentabilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, ao medioambiente e ao ecoloxismo propiamente.

Braulio Vilariño, un dos promotores, defendeu o papel do rural, porque nel, nesa contorna, colabórase, coopérase activamente, celébranse charlas e, en moitas ocasións, "comemos e tomamos viños todos xuntos", polo que non hai mellor escenario para falar do aperturismo, tampouco outro imaxinable que reúne tantas características para iso.


A partir das doce será xa a quenda da Sesión Golfa con Moreno Dj máis G.U.L.I. no Área Natural A Peneda. O último será a máxica lúa chea


Ademais, este portavoz puntualizou que existen "numerosas oportunidades" nestas zonas para promover proxectos culturais e vitais, á parte de que a terra é a que permite o aguante da poboación en épocas agudas de crises, cando os produtos que se extraen da natureza supoñen o sustento, como estivo pasando dalgún xeito nos últimos anos.

Marta Álvarez Quintero, a propietaria da mencionada Granxa Maruxa, que é o epicentro, e parte igualmente da organización desta curiosa cita, fixo especial fincapé na necesidade de apostar polo rural, pola importancia "do noso sector lácteo e gandeiro", e por recordar que é tarefa de todos atopar, en común, "saídas que resulten creativas" e que permitan un maior dinamismo, sendo todas as opcións tan posibles como as súas contrarias nunha mente aberta a agudizar o enxeño.

O festival iniciouse cunha Feira de Artesanía, onde houbo unha zona de 'cruising' (intercambio libre) de sementes; ás doce houbo un debate, nunha asemblea guiada por Ángel Amaro, para a construción colectiva dunha axenda LGTBIQ para o rural; e ás dúas da tarde chegou o momento do xantar colectivo.

Ás catro desta tarde abriu o cartel Fran Rei, de "Os sete magníficos máis un", cunha revisión agrogay do conto máxico A Historia de Brancaneves. A xornada completarase coa lectura dun manifesto e coa entrega dos premios á Visibilidade Agrogay. Tamén con "De Vacas" e Davide Salvado.

Despois, a idea é "tomar" literalmente a vila de Monterroso, avanzada a xornada, cunha ruta polos bares, denominada 'Agrogay Friendly', animada pola Asociación Cultural Entropía Folk.

A partir das doce será xa a quenda de medianoite, coa Sesión Golfa con Moreno Dj máis G.U.L.I. no Área Natural A Peneda. O último será a máxica lúa chea. O Festival Agrogay da Ulloa é un evento sen ánimo de lucro organizado polo Colectivo Agrogay da Ulloa.

Comentarios