O ex director de Banesto no Valadouro, condenado a 6 anos por estafar a 60 veciños

A Audiencia Provincial de Lugo impuxo unha pena de seis anos de prisión ao director da sucursal de Banesto de Ferreira do Valadouro entre 1998 e 2002, José María Rivera Lago, acusado de estafar a sesenta clientes, na súa maioría familiares e amigos.

A sala considera probado que o procesado formalizou fondos de investimento a numerosos veciños logo de garantirlles o capital e rendibilidades fixas, cando non era certo; comprometeu falsamente tipos desorbitados aos que tiñan grandes cantidades a prazo fixo para garantir que mantivesen as súas contas, e utilizou o diñeiro e os depósitos dos clientes para realizar a compravenda de valores e formalizar préstamos sen o coñecemento e autorización dos titulares.

Durante o xuízo, celebrado o pasado 7 de outubro, o acusado negou os feitos e asegurou que todos os seus clientes estaban informados das operacións que se realizaban co seu diñeiro e alegou que a carta de renuncia que escribiu antes da súa marcha do banco —na que recoñecía a estafa— foi asinada baixo coaccións e ameazas. «Dixéronme que se non asinaba chamarían á Garda Civil e durmiría esa mesma noite no cárcere. Eu estaba en tratamento para a depresión e, nese momento, asinase calquera cousa», dixo.

Con todo, a Audiencia Provincial mantén que non existen indicios nin probas de tales ameazas e que as declaracións do acusado a este respecto resultan «contraditorias e envurulladas, e en consecuencia, orfas de credibilidade».

A sala considera ademais cribles as declaracións das testemuñas que compareceron na vista oral, «nas que non se apreciou pola sala un afán de prexudicar ao acusado nas súas manifestacións», apunta.

Indemnización
Ademais da referida pena de prisión como autor dos delitos continuados de falsidade en documento mercantil, estafa e apropiación indebida, a Audiencia lucense impón ao ex director de Banesto unha multa que ascende a 4.320 euros. Ademais, o acusado terá que indemnizar a Banesto nun total de 916.599 euros, a mesma cantidade que a entidade bancaria abonou no seu día aos estafados.

Inicialmente, o ministerio fiscal solicitou para o procesado unha pena de doce anos e medio de prisión e 12.240 euros de multa, así como preto dun millón de euros de indemnización. Contra o fallo da Audiencia Provincial aínda cabe recurso.

Comentarios