O espigón da praia burelense da Marosa estará listo en maio

O alcalde de Burela, Alfredo Chairo, anunciou onte que o próximo mes de maio estarán terminadas as obras do espigón da praia da Marosa. «Os traballos empezaron este luns», explicou o rexedor, «e servirán para que o areal estea máis protexido dos temporais, que non perda tanta area e tamén que sexa máis seguro para os bañistas».

As melloras no dique facíanse necesarias tras as sucesivas riadas e temporais que azoutaron a comarca e que castigaron especialmente a este areal. «O estado desta praia era unha preocupación para nós porque o espigón resultou moi danado polos últimos temporais e perdeu moitas pedras que hai que voltar a colocar», indicou Chairo.

O novo espigón terá dous metros máis de alto que o antigo e a obra está orzada en 180.000 euros.

Ademais desta actuación, na Marosa está a traballarse nos accesos adaptados «para todo tipo de persoas e que incluso poderán utilizar os vehículos que teñan que facer algún traballo na praia».

PERíODO ESTIVAL

O obxectivo destas melloras é que os areais estean nas debidas condicións para cando empece a campaña de verán o próximo mes de xuño. De feito, Chairo adiantou que tamén se mellorarán o resto de areais do municipio, como no Portelo «onde o inverno moveu moita area e hai que ver se é preciso rellenala». Ademais, neste areal acondicionaranse servizos adaptados e un almacén e mellorarase a contorna.

Neste sentido, Chairo tamén adiantou que intentarán que este ano o servizo de socorrismo adiante a súa entrada en servizo ao 15 de xuño, «porque é moito mellor que empecen a traballar antes e deixen de estar activos o 15 de setembro porque a finais de tempada xa non hai tanta xente». O alcalde avanzou que se as previsións meteorolóxicas son boas para Semana Santa limparanse todos os areais para que se poda gozar deles en condicións».

Comentarios