O equipo de fútbol do irmán da moza expresa a súa dor e noxo polo asasinato

A Deputación de Pontevedra tamén mostrou o seu pesar e denunciou os feitos

A Deputación de Pontevedra e o Casino Sociedade Deportiva Arzúa, equipo da Preferente Autonómica Norte de Galicia onde xoga o irmán da moza apuñalada en Vigo, condenaron a morte violenta desta última.

Na súa conta de twitter, o equipo solidarizouse co irmán da moza apuñalada e cos seus achegados, polo que aprazou o partido que tiña previsto para este domingo contra o Lemos. "O noxo e a dor que sentimos quedan curtos nestes momentos", subliñou o club desde a súa conta de twitter. Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou este sábado o seu "máis enérxica repulsa" polo asasinato da moza de 25 anos que apareceu morta esta madrugada no portal do seu domicilio da Avenida de Madrid, en Vigo, tras recibir varias coiteladas.

Silva expresou o seu pesar e o de todo o Goberno provincial "por un novo caso de violencia contra as mulleres". "Volvo deixar moi clara a necesidade de que temos que pornos de acordo para loitar contra esta secuela aínda que con máis forza, con máis medios, con máis recursos e tendo claro que non podemos ter unha prioridade maior", defendeu nun comunicado.

"Están a nos matar e non nos podemos quedar mirando", insistiu Silva, quen trasladou á familia da moza apuñalada en Vigo a solidariedade e o apoio de todo o Goberno da Deputación. Así mesmo, volveu a esixir "un gran pacto de Estado que permita que todas as administracións establezan prioridades, unha maior vontade política e unha implicación real para acabar con este goteo continuo de mortes". 

Comentarios