O Concello quere cubrir a praza de secretario "canto antes"

O goberno local traballa para atopar substituto a Mourelle Cillero logo da súa renuncia pola operación Pulpo. O nomeamento podería ser "directo"

O goberno local de Lugo xa está a traballar para cubrir "canto antes" a praza que deixou vacante coa súa renuncia o anterior secretario xeral da institución, José Antonio Mourelle Cillero, que presentou a súa dimisión este luns, logo de coñecer que forma parte da lista de investigados na chamada operación Pulpo.

Fontes do goberno local, que este luns agradeceron a Mourelle Cillero os servizos prestados, confirmaron que a súa intención é "cubrir a praza canto antes", para que o Concello de Lugo "pase o menor tempo posible sen secretario titular".

A prema por cubrir esa praza fai pensar que o goberno local optará por "nomear" ao novo secretario "directamente", tal e como fixo no seu momento co propio Mourelle Cillero, que tomara posesión o pasado 17 de febreiro, logo de deixar a Deputación Provincial de Lugo, onde exerceu como secretario da institución durante parte do mandato de Gómez Besteiro.

Mentres, será a vicesecretaria a que se ocupará de desempeñar as funcións de secretario titular.

Comentarios