O Concello das Pontes inaugurará antes da chegada do verán a antiga escola de Saa, que se converterá nun portal de entrada ao lago, é dicir, un centro de información para os visitantes sobre a historia e a reconversión da mina pontesa no maior lago artificial de España.
A administración local destinará unha partida de ao redor de 150.000 euros a esta actuación, que servirá para remodelar integramente un inmoble bastante deteriorado, construído nos anos 60 e reconvertido en telecentro tras o fin das escolas unitarias como centros educativos.
Unha placa, testemuña da historia
A primeira escola de Saa foi construída a principios do século XX por achegas enviadas polos habaneiros, emigrados en Cuba. Estaba na Barosa, un deses lugares da parroquia que desapareceu coa mina. Calvo Sotelo expropiou a escola. A placa mantense no actual edificio.