O Concello de Abadín acomete unha nova mellora no recinto feiral de Gontán coa construción dunha nova nave destinada a albergar a actividade feiral de exemplares porcinos, tal e como indicou a tenente de alcalde Begoña Gaute, quen precisou que esta nova infraestrutura, emprazada nun solar contiguo á praza, estará terminada en semanas.
A execución desta nova obra enmárcase na actuación de renovación e mellora acometida na nave destinada ao gando vacún, un mercado gandeiro que rexistrou importantes melloras na súa estrutura e tamén no seu interior tras a colocación dun peche perimetral de madeira, así como as súas dúas fachadas frontais, unha das cales disporá dunha gran porta de corredeira, mentres que a outra terá un peche esteticamente similar ao da nave reconvertida en lonxa alimentaria.
O alcalde de Abadín, o popular José María López Rancaño, recordou que as obras acometidas este ano no recinto feiral de Gontán supoñen un investimento superior aos 130.000 euros. O rexedor sinalou que ademais destas infraestruturas, o Concello tamén dotou esta contorna dunha nova e ampla marquesiña de autobuses.