O Concello de Palas asume o seguro para poder abrir o castelo de Pambre en xuño

O alcalde de Palas de Rei, Fernando Pensado, anunciou que o pleno municipal aprobará este xoves o convenio que se asinará o vindeiro venres cos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres, propietarios do castelo de Pambre, e que permitirá abrir a fortaleza ao público a partir do 1 de xuño. Para que isto sexa posible, o Concello de Palas contratou o seguro que esixían os herdeiros do inmoble, que cubrirá ata 600.000 euros en responsabilidade civil

Fernando Pensado explicou que levará ao pleno a proposta de convenio acordada cos Irmáns Misioneiros, que se asinará ao día seguinte para axilizar os trámites necesarios para a apertura do castelo ao público.

Ademais do seguro ante posibles danos, os propietarios esixían un servizo de vixilancia constante. O Concello tamén se ocupou deste detalle, segundo explicou o alcalde. Pensado avanzou que haberá un vixiante permanente nas instalacións e un guía para as visitas.

Como ben de interese cultural, o castelo de Pambre debe estar aberto dous días á semana, pero o alcalde de Palas espera que permaneza a disposición do público todos os días durante os meses de verán. "Hai que aproveitar o tirón do Ano Santo para mostralo aos numerosos peregrinos que pasan por Palas de Rei", indicou o alcalde.

Os grupos interesados en realizar visitas guiadas deberán porse en contacto co Concello, aínda que o inmoble estará aberto tamén para visitas de particulares. O alcalde indicou que se instalarán paneis informativos para que o visitante saiba en todo momento que está a ver.

Un ano
O convenio entre o Concello de Palas e os Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres terá unha duración dun ano e será prorrogable "se as dúas partes están de acordo", dixo Pensado.

O rexedor explica que ata o momento foi o Concello o que asumiu todos os gastos e quen realizou as xestións necesarias para garantir a apertura da fortaleza ao público a partir do 1 de xuño. No entanto, asegura que ten o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de apoiar esta iniciativa. Neste sentido, espera que a Administración autonómica colabore nos gastos de contratación do persoal.

Solución temporal
Os propietarios do castelo accederon a abrilo ao público mentres non chegan a un acordo con algún comprador. Tras recibilo en herdanza do conde de Borraxeiros, o seu desexo é vendelo. Ofreceron á Xunta a posibilidade de adquirilo, pero aínda non recibiron resposta.

O superior do centro de Vigo dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres, José Antonio Donaire, confirmou que recibiu ofertas viables de compradores particulares. Indica, no entanto, que a súa preferencia é que pase a mans públicas, de aí o seu interese por que a Xunta concrete a súa oferta.

Os propietarios réxense por unha tasación que cifra o valor do castelo en dez millóns de euros, aínda que a Xunta encargou unha propia.

Comentarios