O Concello xa avisou á Xunta do niño de velutinas próximo ao parque Rosalía

O BNG reclama un plan municipal contra este tipo de avespas
Nido de velutinas en el parque Rosalía de Castro de Lugo
photo_camera Nido de velutinas en el parque Rosalía de Castro de Lugo

O goberno local de Lugo informou de que xa deu aviso á Xunta, de acordo co protocolo establecido para loitar contra esta especie invasora, da presenza dun niño de avespas velutinas de grandes dimensións na contorna do Parque de Rosalía de Castro, en pleno centro da cidade.

O grupo municipal do BNG alertou a finais da semana pasada da existencia dese niño na contorna da principal zona verde da cidade, onde tamén está situado un dos parques infantís máis usados polos lucenses.

De feito, o portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Arroxo, recordou que "hai un ano" o BNG reclamou "un plan municipal contra a velutina e o Concello non fixo nada, pero agora demóstrase a necesidade", polo que volve insistir no feito de que a especie invasora "chegou ao municipio" e o goberno local debe pór en marcha "un plan de actuación". 

Arroxo recorda que existen "métodos que permiten, a través de cámaras con sistemas de infravermellos, detectar con facilidade a presenza dos niños", algún deles "desenvolvido polas universidades galegas". "Entendemos que sería útil para revisar os parques urbanos e evitar posibles ataques dese himenóptero, que ten unha agresividade superior á das especies autóctonas".

Fontes do goberno local indicaron que, de acordo co protocolo establecido, o que fai o Concello cando ten constancia da aparición dun niño de velutina é informar de forma inmediata á Xunta de Galicia para que poña en marcha as medidas programadas.

Comentarios