O Concello de Guitiriz repartirá 83 compostadores entre os veciños

O Concello de Guitiriz continúa coa súa campaña de fomento da sustentabilidade e a redución na produción de residuos coa repartición gratuíta de 83 novos compostadores caseiros entre as familias que o sociliten.

A alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, explicou que está previsto que os colectores cheguen esta semana ao Concello, polo que calquera veciño que desexe contar cun só terá que pedilo nas oficinas municipais.

A compra dos novos compostadores foi posible grazas á concesión dunha subvención de 7.700 euros da Consellería de Medio Ambiente. Desta forma continúase coa campaña iniciada fai xa máis de dous anos, primeiro coa colaboración de Adega e logo xestionada directamente polo goberno local, que repartiu máis de 25 colectores para facer compost caseiro entre os veciños.

Esta iniciativa complementarase coa compra de tres compostadores de grandes dimensións e unha trituradora para que a Brigada Verde municipal poida reciclar os restos das podas e as limpezas de zonas verdes que realizan periodicamente.

Regina Polín explicou que os beneficios desta medida son varios, xa que por unha banda permitiralles reducir a produción de residuos, o que á súa vez lles permitirá aforrar nos pagos a Sogama. Ademais, este equipo de xardineiros contará con abono propio, gratuíto e de calidade para os xardíns.

A Consellería de Medio Ambiente tamén lle concedeu ao Concello de Guitiriz outra axuda de 9.000 euros, que se investirá na instalación de tres mini puntos limpos, dous no centro urbano guitiricense e outro en Parga, nos que os veciños poderán depositar lámpadas, CD,s, cartuchos de tintas ou pilas. A súa localización aínda non está decidida, aínda que Polín adiantou que se colocarán en espazos céntricos e accesibles.

Por outra banda, o Concello continuará un ano máis co transporte de residuos a Sogama, para o que tamén obtivo unha axuda autonómica que ascende a 13.000 euros.

Comentarios