O Concello de Abadín creará unha lonxa de venda directa de grelos en Gontán

José María López Rancaño. (Foto: AEP)
photo_camera José María López Rancaño. (Foto: AEP)

O Concello de Abadín proxecta impulsar a comercialización directa dos grelos que cultivan os produtores locais a través da posta en marcha dunha especie de lonxa ou operador de venda directa que cumpra a función de enlace entre clientes e produtores, tal e como avanzou o alcalde José María López Rancaño. Precisou que este proxecto contribuiría a mellorar os rendementos económicos que actualmente logran os ‘greleiros'.

A lonxa para a comercialización de grelos contaría cunha sede fixa en recinto feiral de Gontán, onde un operario canalizaría os pedidos de grelo recibidos de forma telemática, tanto a través do teléfono como por internet, trasladaría esta petición aos produtores e posteriormente ocuparíase da organización dos lotes de verdura para a súa inmediata distribución.

A finalidade deste proxecto auspiciado polo goberno local de Abadín non é outra que a de ampliar o valor engadido da comercialización de grelo de Abadín que repercute nos cultivadores, a maioría dos cales xa está adherida á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelo de Galicia.

As posibilidades de negocio que depara a existencia desta IXP, cuxos responsables xa implantaron un sistema de trazabilidade que permite non só coñecer datos sobre o produtor de cada lote ou feixe de grelos, senón tamén a procedencia da verdura e a leira concreta na que se cultivou, non pasou desapercibida para o goberno de Abadín, que, unha vez lograda a diferenciación do produto con respecto a outros artigos similares, busca agora mellorar a súa rendibilidade para tamén ampliar a súa produción no municipio e, se cabe, fixar máis poboación nas áreas rurais.

López Rancaño explicou que este ambicioso proxecto, que conta co respaldo da Deputación de Lugo e tamén do Inludes, podería ter un percorrido moi longo e frutífero para os intereses dos veciños de Abadín, porque «o grelo de Abadín é de calidade e realmente tamén diferénciase dos cultivados noutras zonas».

López Rancaño tamén deixou entrever a posibilidade de que, se a lonxa para a comercialización de grelos alcanza uns rendementos óptimos, podería logo ampliarse a outros produtos de tempada tamén cultivados en Abadín, tales como poden ser as patacas ou as castañas ou outros artigos de denominación de orixe local, tales como patacas, queixo, chourizo ou outros artigos cárnicos de porco.

O alcalde de Abadín mostrouse ilusionado coa posta en marcha desta iniciativa de negocio que, nun primeiro momento, non require demasiado investimento económico por parte das arcas municipais e que, unha vez testada a súa viabilidade, podería desligarse da tutela municipal propiamente dita para pasar a ser rexentada pola iniciativa privada.

Feira

A VI Expogrelo de Abadín citará hoxe no recinto feiral de Gontán a uns 30 produtores do municipio, que porán á venda preto de 3.000 quilos desta verdura, tal e como indicaron fontes da organización.

A celebración desta feira monográfica citará hoxe en Gontán a unha ampla representación política, na que, ademais dos rexedores dos municipios límitrofes, tamén se agarda a presenza do conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, quen se encargará de entregar os premios aos gandeiros do certame convocado polo Concello para distinguir aos artífices das cestas de grelos mellor decoradas.

Comentarios