A compostaxe gaña amigos en Cervo

MAR1004P16F3.JPG
photo_camera MAR1004P16F3.JPG

A aposta dos veciños de Cervo pola compostaxe é cada vez máis evidente, e así se demostra coa entrega de 15 novos colectores a outras tantas familias por parte do Concello. Con eles, xa son 73 os fogares que utilizan esta técnica, consistente en gardar nos grandes recipientes habilitados os residuos domésticos, de forma que os mesmos, ao estar en contacto coa terra coa parte inferior do bidón, serven despois como abono para a terra. No entanto, as novas 15 familias que se integran no programa terán un seguimento por parte do Concello ata que se afagan a esta beneficiosa práctica. Desde o propio Concello anímase ao resto de veciños a que se apunten a este programa que está a lograr uns resultados excelentes en conto á calidade do abono resultante do proceso de reciclaxe.

burela instrúe no medio ambiente. As monitoras do centro de educación ambiental do Concello de Burela explicaron onte a 24 mozos da localidade o xeito correcto de realizar a separación de residuos para a súa posterior reciclaxe. A actividade estivo amenizada por un vídeo que a modo de cómic explicaba aos presentes as funcións dos distintos colectores e a escala de cores que os mesmos empregan. Esta proposta non só cinguiuse ás explicacións técnicas sobre unha correcta separación, senón que tamén fixo referencia a outros aspectos que se poden levar nos fogares para coidar mellor do medio ambiente, como pode ser a adquisición de envases grandes de produtos en lugar de varios pequenos.

De billarda por lugo. Os Remourelle Bulls disputaron unha nova xornada da liga Nacional de Billarda no campo da Piringalla, en Lugo. Os representantes comarcais realizaron unha boa actuación, logrando finalmente a terceira posición por equipos entre os 14 conxuntos participantes procedentes de toda Galicia. A próxima xornada será a penúltima, e presúmese moi disputada xa que o título final está aínda en xogo. Celeiro acollerá a contenda o próximo día 15 no que será unha nova festa da billarda.

Comentarios