O comité de empresa de Urbaser denuncia a Tragsa, a Caravana e aos alcaldes da Pastoriza, Pol e Portomarín

O secretario do comité de empresa de Urbaser, Julio Pacio, acuidu ás tres desta madrugada á Comisaría da capital lucense para presentar unha denuncia contra as empresas Tragsa e Caravana pola recollida de lixo e contra os alcaldes da Pastoriza, Pol e Portomarín por enviar camións para colaborar na retirada de residuos.

A responsable de servizos de CIG en Lugo, Carmen Antas, explicou que esta mañá o comité de folga reuniuse para ampliar a denuncia, posto que posteriormente comprobaron que "tamén recollían lixo dous camións máis de Tragsa e outro da empresa Hermanos Blanco Trigo, que ademais levaba un membrete da Deputación de Lugo".

En canto á participación na limpeza da cidade de camións dos municipios da Pastoriza, Pol e Portomarín denunciou que "son concellos gobernandos por PSOE -os dous primeiros- e PP -o terceiro- así que parece que ata teñen pacto nisto".

Por outra banda, Antas admitiu que o persoal, que cumpre hoxe 15 días de folga, recibiu onte un fax da empresa no que mostraba a súa disposición a continuar as negociacións a condición de que o persoal cumpra os servizos mínimos decretados polo Concello.

"Respondemos ao fax asegurando que a actuación do persoal axústase a dereito, e iso verase cando se resolva o recurso presentado ao decreto", explicou Antas.

Así mesmo, defendeu "que a parte dos traballadores se que ten vontade de negociar, como quedou perfectamente demostrado cando nos presentamos aos dous actos de conciliación, con mediador, o primeiro día da folga e o pasado sábado, e a empresa non se presentou".

Antas informou de que os traballadores están dispostos a reunirse coa empresa para "negociar os servizos mínimos, e unha vez pactados, abrir liñas de negociación".

Comentarios