El hotel Villamartín de Vilalba, en venta tras tres décadas de historia

Os donos recoñecen "conversacións" con varias firmas lucenses
Hotel Villamartín
photo_camera Hotel Villamartín

O hotel Villamartín, un símbolo da capital chairega que a familia Sanjurjo puxo en marcha a mediados da década dos 80, vive actualmente tempos difíciles. Nun marco de crise económica, que provocou unha caída continua nas cifras de ocupación, o propietario e director do hotel, José Sanjurjo –fillo de José Sanjurjo Lozano, uns dos grandes emprendedores de Vilalba, falecido en xuño de 2012–, recoñece que "hai vontade de venda" e que se iniciaron "conversacións" con varias empresas interesadas. Confirma así o que ata agora era ‘vox populi’ na localidade.

"Non hai nada en firme aínda, pero empresas interesadas hai varias e están abertas as negociacións", di o empresario, que traballou no hotel desde os seus comezos, cando abriu as súas portas fai xa case tres décadas.

As conversacións sobre unha posible venda iniciáronse fai algo máis dun ano –incluso se interesou algunha firma de Vilalba pola compra do hotel– pero non se chegou a ningún acordo. Na actualidade, están abertas negociacións con varias empresas, todas da provincia de Lugo, segundo indica o propietario, que declina falar de nomes ou de prezos polo momento.

As ofertas presentadas ata agora buscan distintos futuros para o clásico hotel vilalbés, situado na Avenida Terra Chá. Así, mentres varias pretenden manter a actividade e continuar co sector servizos para o que foi concibido, outras teñen como obxectivo reconverter as instalacións nunha residencia de maiores.

"Son meses malos para a hostalería", apunta o director do hotel Villamartín, que recoñece que nos últimos tempos non hai unha ocupación regular e case sempre baixa. "A maioría son xente que vén por traballo e hai semanas de refacho e outras que estamos baixo mínimos", apunta José Sanjurjo, que recorda que o persoal do hotel suma en total dez traballadores.

DISCOTECA. A empresa Sanjurjo Lozano S.L. –independente de José Sanjurjo SL, unha firma de construción que tamén pertence á familia e que está a executar o seu plan de viabilidade tras entrar en concurso de acredores en 2012–, engloba a xestión do hotel, o restaurante e a discoteca Troco, unha gran sala que está pechada desde o último trimestre do ano pasado, aínda que abriu en Fin de Ano e en Entroido.

"Estivo moitos anos aberta, despois pechada uns cinco anos e volveuse a abrir e traballou outros catro ou cinco, pero a movida nocturna baixou unha barbaridade e non se pode manter aberta unha discoteca tan grande para tan pouca xente como a que había ultimamente", explica o empresario vilalbés, que asegura que a oferta de venda do hotel inclúe tamén a discoteca. "é un todo. A propiedade é a mesma e sempre funcionou como tal", asegura.

Comentarios