O Centro Cultural vilalbés inaugura o día 5 as súas renovadas instalacións

A nova directiva do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba fixou para o día 5 a xornada inaugural das súas renovadas instalacións, situadas xunto á casa consistorial da capital chairega.

O programa festivo iniciarase ás 13.30 horas coa presentación da nova cafetería da planta baixa, onde se fixo unha importante reforma. Haberá uns petiscos e a entrada será libre e gratuíta para todo aquel que queira asistir.

Ademais, os visitantes poderán descubrir outras das novidades que presenta o local, como a renovación das portas, o pintado da entrada, o novo proxector do salón de actos ou unha segunda cafetería na primeira planta destinada aos socios, que tamén gozarán dunha entrada independente.

Pola tarde as celebracións centraranse no Entroido, con sendas festas de disfraces destinadas ao público infantil e aos maiores. Así, os nenos e nenas gozarán dunha gran festa de 16.30 a 20.30 horas, na que haberá un espectáculo de maxia, inchables, xogos de animación e musicais, un desfile de disfraces ou unha exhibición con lume no exterior do recinto.

A partir das 23.00 horas chegará a quenda dos adultos, que poderán compartir a súa propia festa de disfraces, animada pola orquestra Charlestón Big Band e na que haberá moitas sorpresas.

A nova directiva do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, que se estrea no cargo con esta celebración, invita a todos os veciños a descrubrir os cambios realizados no emblemático recinto e a acudir disfrazados para introducirse de cheo na festa. A entrada para todos os actos programados será libre e gratuíta.

Comentarios