O Centro Cultural vilalbés celebra o seu 30 aniversario

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba celebrou o 30 aniversario da construción do seu local social, un edificio situado no centro da localidade, cun coloquio para repasar pasado, presente e futuro da entidade, ao que estaban invitados os 33 antigos directivos da asociación.

Non acudiron todos, pero non faltaron algúns dos nomes máis significativos que pasaron por este colectivo, como José Apenela, primeiro presidente e un dos máximos responsables da súa fundación, nos anos 60. Xunto a el estaban outros dous ilustres, José Ramón Álvarez Graña, quen presidía o Centro Cultural cando se tomou a decisión de comprarlle á familia de Fraga o solar contiguo onde hoxe está a casa consistorial para levantar a sede, e Afonso Baamonde, directivo durante 22 anos, dez deles na presidencia. O actual presidente, Juan Manuel Cancio, e o secretario, Hugo Criado, completaron a rolda de intervencións da mesa.

O local social do Centro Cultural e Recreativo abriu as súas portas no nadal de 1981 e co paso do tempo converteuse nun espazo emblemático da capital chairega, revitalizado no último ano grazas á entrada da súa nova directiva.

O inmoble ten 400 metros por planta. No baixo están os espazos máis usados, a cafetería e o salón de actos. No primeiro está a biblioteca e a sala de xogos e a segunda planta úsase para acoller os cursos organizados pola entidade. O último piso é unha vivenda de 90 metros cadrados, pensada para albergar a quen rexentase a cafetería, pero que hoxe está baleira.

Comentarios