O capón recibe un novo impulso cun estudo para a súa comercialización

Hermida, Criado y Grandío, en la presentación de la Feira do Capón, en la casa de cultura. (Foto: C.Pérez)
photo_camera Hermida, Criado y Grandío, en la presentación de la Feira do Capón, en la casa de cultura. (Foto: C.Pérez)

O alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, aproitou a presentación da emblemática Feira do Capón de Vilalba, que se celebrará na mañá do domingo 19 na Praza da Constitución, para anunciar a posta en marcha dun estudo técnico para analizar as posibilidades de comercialización do capón todo o ano.

Este proxecto de I+D, impulsado conxuntamente polo Centro Tecnolóxico da Carne e a asociación de criadores de capón de Vilalba, recibiu unha axuda de 130.000 euros da Consellería de Medio Rural e farase en tres anualidades, tal e como especificou o rexedor vilalbés.

O seu obxectivo, segundo explicou o xerente da asociación de criadores, Gonzalo Hermida, é estudar a viabilidade de varias presentacións, como o envasado ao baleiro, a atmosfera modificada -que permitiría ampliar a súa conservación de dez a un mínimo de 16 días-, ou en pratos precocinados.

Hermida aclarou que este estudo se orienta ao capón de cinco meses, xurdido doutra iniciativa I+D, máis que ao de Nadal. «Queremos manter esta tradición, pero sen perder a oportunidade de ter un produto máis comercial», dixo.

«Cremos que este estudo pode sentar as bases do futuro desenvolvemento do capón, porque se adapta á comercialización dun produto de calidade», engadiu, ademais de recordar que as dúas grandes materias pendentes para profesionalizar o sector son conseguir a Indicación Xeográfica Protexida (IXP), para o que xa se presentou un borrador a Medio Rural, e a necesidade de certificar a matanza para garantir a trazabilidad do produto.

Neste sentido, Gerardo Criado asegurou que, aínda que non é viable construír un matadoiro de aves, si se podería certificar o sacrificio da animais casa por casa, para o que os produtores só terían que cumprir algúns requisitos, como dispor de tres salas independentes, auga quente esterilizada ou facer o curso de manipulador de alimentos.

Ademais, presentáronse os novos dípticos da Feira do Capón, que recollen receitas de restaurantes vilalbeses e unha reseña deste emblemático produto.

FEIRA
Exhibicións de cociña, a novidade

Unha das principais novidades da Feira do Capón, na que se porán á venda uns 1.300 exemplares de 63 produtores, tal e como adiantou a edil de Mercados Cheri Grandío, é a introdución da cocíña espectáculo ou ‘show cooking', na que participarán recoñecidos cociñeiros, como Álvaro Villasante ou Marcelo Tejedor co seu equipo, preparando pratos en directo ao longo de toda a mañá.

Degustacións

Uns 30 locais de hostalería sumaranse á feira preparando degustacións de capón. Para iso, o Concello entrega un animal a cada establecemento. Cheri Grandío explicou que hai locais con reservas desde hai un ano.

Horario

A carpa da Praza da Constitución abrirá ás 9.00 para a entrada de capóns e ás 10.00 para o público. Ás 12.30 horas entregaranse os premios de 300, 200 e 150 euros ao mellor criador, cesta e par, respectivamente. Entre Lusco e Fusco e a Charanga de Vilalba amenizarán a xornada.

Comentarios