O cancro pode con Hugo Chávez

O presidente de Venezuela, Hugo Chávez, faleceu onte en Caracas case tres meses logo de operarse por cuarta vez dun cancro que lle foi diagnosticado en xuño do 2011, informou hoxe o vicepresidente, Nicolás Maduro.

"Ás 4.25 da tarde (20.55 GMT) de onte 5 de marzo faleceu o comandante presidente Hugo Chávez Frías", informou o vicepresidente venezolano emocionado a través de radio e televisión.

Maduro explicou que tras reunirse en horas da mañá co alto mando político e militar do país dirixíronse ao Hospital Militar de Caracas para "seguir a secuencia de saúde" de Chávez, e que cando estaban a recibir o parte da situación, recibiron a "información máis dura e tráxica que poidamos transmitir ao noso pobo".

Indicou que Chávez faleceu "logo de batallar duramente cunha enfermidade durante case dous anos, polo amor do pobo, coas bendicións dos pobos e coa lealdade máis absoluta dos seus compañeiros, compañeiras de loita".

"Á súa nai, Elena, ao seu pai, don Hugo de los Reyes, aos seus irmáns, ás súas fillas, aos seus netos, e todo o noso pobo transmitímoslle a nosa dor e a nosa solidariedade", sinalou.

Maduro dixo que se previu un despregamento especial de toda a Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), da Policía Nacional Bolivariana (PNB)", que neste mesmo momento se atopa "despregándose para acompañar e protexer" o pobo.

"Nesta dor inmensa desta traxedia histórica que hoxe toca á nosa patria nós chamamos a todos os nosos compatriotas homes e mulleres de todas as idades a ser os vixiantes da paz", afirmou Maduro. 

Comentarios