O campus ofertará once másteres, entre eles o de Enxeñaría Industrial

O campus universitario lucense impartirá o próximo curso once dos 59 títulos de máster que ofrece a Universidade de Santiago de Compostela (USC), entre eles o Máster en Enxeñaría Industrial que se impartirá na facultade de Ciencias. Este título tivo que ser retirado debido ás queixas do colectivo profesional de enxeñeiros industriais que si deu o visto bo a esta nova versión, con máis créditos formativos que o anterior e accesible unicamente a quen cursen o grao, pero non aos enxeñeiros técnicos, como sucedía antes.

No ámbito das Ciencias Sociais e Xurídicas, poderanse cursar en Lugo os másteres de Avogacía, Administración e Dirección de Empresas e o de Profesorado de Eso, Bac, FP e ensino de idiomas.

Na rama de Enxeñería e Arquitectura, ofrécense no campus os másteres habilitantes en Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes, así como os de Dirección de Proxectos e Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, ademais do de Enxeñaría Industrial.

Na área de Ciencias da Saúde, ofrécense os másteres en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria e o de Prevención de Riscos Laborais e Saúde Ambiental. Pola súa banda, a área de Artes e Humanidades contará co máster en Xestión de Servizos Culturais.

Actualmente, no campus de Lugo hai máis de 320 universitarios inscritos nos programas de posgrao.

A oferta da USC para o curso próximo tamén inclúe varios programas de carácter interuniversitario. Un total de nove impártense en colaboración con outras universidades do Sistema Universitario de Galicia e once programas son froito de acordos con outras institucións académicas españolas e internacionais.

O catálogo de títulos de máster da USC para o curso 2014-2015 pode consultarse na páxina web www.usc.es/master. O prazo de inscrición abrirase en xullo.

A presentación dos másteres realizouse onte nun acto no que participaron os directores e responsables académicos dos programas de posgrao, ademais do vicerreitor de Coordinación do campus, Pedro García Herradón , directores e decanos dos distintos centros que acollen estes programas e persoal da Oficina de Información da USC.

Comentarios