O Camiño Portugués convértese na segunda ruta con maior afluencia

O Camiño Portugués é xa a segunda ruta con maior afluencia de todas as rutas xacobeas.

No que vai de ano, máis de 102.000 peregrinos percorreron as rutas xacobeas e recolleron a 'Compostela' na Oficina do Peregrino.

Esta cifra supón un incremento de máis do 9% respecto da cifra de peregrinos rexistrados no mesmo período do ano pasado, informou a Xunta nun comunicado.

O Camiño Portugués foi a ruta escollida este ano por máis de 15.000 peregrinos, e é xa a segunda ruta en afluencia despois do Camiño Francés. Isto supón un incremento do 20% respecto da cifra de peregrinos recibidos a través do Camiño Portugués no mesmo período do ano pasado.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o profesor de Historia da arte da Universidade de Santiago e director do curso VII Leccións Xacobeas Internacionais, Miguel Taín Guzmán, percorreron hoxe, guiados polos membros da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago 'Sempre non Camiño' cos alumnos do curso un tramo do Camiño de Santiago entre Tui e O Porriño.

As xornadas que se celebraron en Santiago durante catro días ofreceron relatorios sobre a Venecia Xacobea, o Hospital de Santiago dos Españois en Roma, a composición e función do Cabildo da Catedral de Santiago na peregrinación; patrimonio literario e lingüístico do Camiño; a Toscana, os Médici e a peregrinación, ou a peregrinación xacobea e o Santo de Agarrades, entre outros.

Comentarios