O bo funcionamento do sistema de compostaxe aumenta a demanda

Un vecino de Lourenzá que realiza compostaje (Foto: AMA)
photo_camera Un vecino de Lourenzá que realiza compostaje (Foto: AMA)

A implantación da reciclaxe a través da compostaxe doméstica está a deparar grandes resultados na comarca mariñá. Actualmente son máis de 200 as familias as que utilizan este sistema, que leva pouco máis dun ano funcionando en cinco concellos -Alfoz, Barreiros, Cervo, Lourenzá e Trabada- da comarca. En moitos deles a demanda de novos colectores aumentou, pero as dificultades económicas das arcas municipais fan que polo momento sexa difícil adquirir máis destes recipientes.

Cervo é o único concello que, polo momento, decidiu atender a demanda veciñal, polo que acaba de adquirir 15 novos colectores, o que significa que o total de familias que utilizarán o sistema de compostaxe doméstica é de 73. «Desde o Concello estamos moi implicados no fomento e portenciación da compostaxe como método de reciclaxe e reutilización dos residuos, por ser totalmente ecolóxico e beneficioso para o medio ambiente», sinalou Begoña Alonso, concelleira de medio ambiente cervense.

Cabe sinalar que o Concello entrega os novos colectores aos veciños de forma gratuíta. Trátase duns depósitos de plástico cun buraco na base, de forma que os residuos orgánicos están en contacto coa terra, realizándose así o proceso mediante o cal se converten en abono que logo pode ser empregado nas súas terras ou hortas.

O 40% dos residuos que se xeran nun fogar son de carácter orgánico, polo que son aptos para este sistema. No entanto, realizar este tipo de reciclaxe implica ter unha serie de coñecementos previos, motivo polo cal o Concello de Cervo realizará unha rolda de visitas aos novos fogares que decidiron adoptar este sistema, e tamén realizará un seguimento nos mesmos, do mesmo xeito que ocorreu no resto de concellos cando se repartiron os primeiros colectores.

Alfoz e Barreiros son os dous únicos municipios nos que non se solicitaron máis colectores de compostaxe, pero en Lourenzá e Trabada si que existe demanda. «Hai familias interesadas, pero agora mesmo non podemos sufragar ese gasto, pero en canto poidamos faremolo, porque é algo moi bo para todo e está a funcionar moi ben», sinalou o alcalde trabadense, José Manuel Yanes Ginzo.

Aforro

Os concellos, ademais, ven beneficiados por este programa, xa que diminúe a carga de lixo que reciben, o que significa que pagarán menos polo tratamento destes residuos á empresa que se encarga da súa recollida. A medida, xa que logo, é beneficiosa economicamente tanto para os veciños como para os propios concellos.

RIBADEO
Este método de reciclaxe aplicarase por partida dobre

O concello de Ribadeo vai ser o único da Mariña no que se aplique o sistema de compostaxe por partida dobre, xa que por unha banda realizarano uns 20 veciños da asociación Madalena de Remourelle e, por outro, o propio Concello ribadense aplicarao nas zonas rurais. En Remourelle o proxecto xa é unha realidade despois de que técnicos da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) estivesen a formar aos veciños.

Provincia

Cabe destacar que a comarca mariñá foi a pioneira de Lugo na aplicación deste sistema. Agora concellos como Portomarín, Sober, Guntín ou Paradela xa o utilizan, e a eles pronto se unirán outros, como Chantada, Quiroga ou Begonte. O programa continúa a súa expansión por toda Galicia.

Comentarios