O BNG di que a Xunta deixa sen axudas de promoción da lingua a dez entidades

O BNG de Lugo critica a decisión da Xunta de Galicia de eliminar as axudas para a promoción lingüística a nivel local e afirma que esta supresión afectará polo menos a nove concellos e á mancomunidade de municipios da Mariña, que recibiron en 2010 axudas para equipos de normalización lingüística e programas de dinamización.

Estas axudas foron convocadas en marzo con un orzamento de 420.000 euros e eliminadas por unha orde do pasado 7 de setembro, xusto antes de que se resolvera a adxudicación.

O parlamentario Fernando Blanco e o deputado provincial Mario Outeiro explicaron que esta decisión terá como consecuencia a desaparición dos equipos de normalización lingüística dos concellos, pois consideran que as entidades locais non poden mantelos sen axuda da Xunta. Subliñan que esta decisión, «ademais de ser un ataque directo á promoción da lingua galega», terá consecuencias laborais graves, pois suporá a supresión dos contratos do persoal dedicado a estas tarefas a nivel municipal.

Fernando Blanco indicou que «é a primeira vez que un Goberno arremete con tal agresividade contra o noso idioma» e avanzou que o BNG presentará tanto no Parlamento coma nos concellos iniciativas para demandar a reposición destas axudas. Acusou ó PP de «incumprir a Lei de Normalización Lingüística e o Estatuto de Autonomía, que recollen a obriga da Administración de promover e normalizar o uso da lingua galega nas institucións».

Mario Outeiro, pola súa parte, indicou que dende a Deputación o BNG intentará «botar un cable ós concellos afectados». No ano 2010 recibiron axudas O Vicedo, Quiroga, Barreiros, Monterroso, Chantada, Sarria, Guitiriz, A Fonsagrada, Vilalba e a mancomunidade de municipios da Mariña.

Comentarios