O BNG denuncia ante a Onu "a impunidade do franquismo" e esixe a "devolución" de Meirás

Os nacionalistas reclaman a ilegalización da Fundación Franco e "que se facilite a investigación e reparación dos crimes da Ditadura"
Ana Pontón y Ana Miranda, ante la sede de la Onu en Ginebra
photo_camera Ana Pontón y Ana Miranda, ante la sede de la Onu en Ginebra

O BNG formalizou este mércores na sede de Nacións Unidas en Xenebra (Suíza) a súa denuncia para que o organismo internacional actúe contra a "impunidade do franquismo", que considera "unha ofensa para todas as vítimas". A líder do Bloque, Ana Pontón, e a portavoz da formación en Bruxelas, Ana Miranda, foron as encargadas de presentar o documento a través do que se reclama a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego, a ilegalización da Fundación Franco por "exaltación do franquismo", así como que se facilite "a investigación e reparación dos crimes da Ditadura".

"Esta denuncia ten un triplo obxectivo", explicou ante a sede da Onu Ana Pontón, que citou, en primeiro lugar, a reclamación "da devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego, que foi quen o pagou", así como doutros bens "expoliados" como "as estatuas do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago". Para iso, os nacionalistas fan no texto un percorrido polos distintos episodios que materializaron a decisión das autoridades sublevadas da Coruña de "regalar" este inmoble como residencia de verán ao ditador.

O BNG pide "deixar sen efecto os artigos da Lei de Amnistía de 1977 que impiden investigar e xulgar os crimes franquistas"



LEI DE AMNISTÍA. En segundo lugar, Ana Pontón destacou que se pide "deixar sen efecto os artigos da Lei de Amnistía de 1977 que impiden investigar e xulgar os crimes franquistas". Ademais, piden que se declare ilegal a apoloxía do franquismo.

"Para rematar, pensamos que en 2017 non se pode permitir que siga facéndose impunemente apoloxía do franquismo sen que pase nada e, polo tanto, se ilegalice unha asociación que é unha ofensa para todas as vítimas", manifestou Ana Pontón ante a sede do alto comisionado de Dereitos Humanos da Onu. E é que, segundo considerou, esta denuncia é o "mínimo" que a súa formación pode facer "a estas alturas". "Porque é unha débeda ética, política e moral que temos con todas as vítimas do franquismo", manifestou.

CONCLUSIÓNS. Con estes obxectivos, o texto do BNG incorpora as conclusións extraídas polo relator especial da Onu para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e garantías de non repetición, Pablo Greiff, que visitou España entre xaneiro e febreiro de 2014. Así, conforme recordou o Bloque, no seu informe posterior á visita, o relator conclúe que se deben tomar medidas para atender os pedidos relacionados coa "restitución das propiedades e documentos incautados a particulares"; e sinala que non se estableceu nunca "unha política do Estado para a promoción da verdade"; así como que a Lei 52/2007 "non soluciona en absoluto este problema".

Ademais, Greiff considera que se deben atender de forma urxente as demandas das vítimas en termos de verdade" e "establecer algún mecanismo para oficializar e resolver a excesiva fragmentación que caracteriza a construción da memoria en España". "Estas recomendacións seguen incumpríndose día a día", asegura o BNG, que recorda que bens expoliados no franquismo, como o Pazo de Meirás "seguen en mans" da familia do ditador. "A inacción das diferentes administracións normalizan unha situación que vulnera os dereitos humanos", censurou o Bloque.

Comentarios