O BNG aposta por Tareixa Burgo para a alcaldía de Vilalba

Tareixa Burgo. (EP)
photo_camera Tareixa Burgo. (EP)

Tareixa Burgo, unha avogada laboralista de Comisións Obreiras, de 33 anos e natural de Lanzós, é a aposta do BNG para liderar a súa candidatura electoral en Vilalba, onde onte foi presentada oficialmente co respaldo do seu predecesor, o edil Xosé Manuel Irimia, e do responsable comarcal do BNG, Antón Bao.

Tareixa Burgo preséntase co reto de conducir «ó BNG a acadar a representación institucional que merece» e o firme compromiso de defender «os intereses xerais de todos os veciños», tal e como manifestou na súa primeira intervención oficial.

«Vilalba perdeu 30 anos» asegurou Burgo, quen animou aos veciños a presentar iniciativas «para darlle un cambio de rumbo a este concello» e cuestinó ao goberno local, que «non foi quen de frear o despoboamento ou facer un desenvolvemento urbanístico sostible».

O actual portavoz municipal, Xosé Manuel Irimia, xustificou a súa renuncia nos 14 anos que leva como concelleiro e explicou que o partido necesitaba «unha persoa con formación, nova, que poidese proxectar o futuro do BNG en Vilalba».

Irimia explicou que Tareixa foi elixida nunha asemblea democrática, coa participación de afiliados, colaboradores e simpatizantes, e asegurou que «o seu compromiso social, co país e co BNG fan que nos sintamos orgullosos de que sexa ela quen encabece a lista do BNG».

Antón Bao, pola súa banda, animou aos vilalbeses a pensar en alternativas de goberno «á abulia destes últimos 30 anos» e asegurou que o BNG «pisa o acelerador» coa candidatura de Tareixa co fin de exercer «un traballo con absoluto compromiso e dedicación».

Presentación

A agrupación nacionalista de Vilalba celebrará o próximo 5 de marzo un acto público para presentar a lista electoral coa que concorrerá aos comicios locais do 22 de maio.

O portavoz do BNG, Xosé Manuel Irimia, non descartou formar parte desta lista, aínda que si precisou que, se figura, será «alá o final», á vez que remarcou que «practicamente todos os que foron cabezas de lista do BNG en Vilalba seguen na órbita do partido, traballando día a día».

Comentarios