O BNG acusa o Concello de ocultar un fallo que avala a retirada de honras a Millán Astray

O grupo municipal do BNG na Coruña acusou ao goberno local do PP de ocultar de xeito "intencionado" outra sentenza xudicial que si avala a decisión do anterior executivo local de retirar as honras ao militar Millán Astray.

"O PP ocultou á cidadanía a existencia da resolución xudicial do 28 de abril de 2011 que confirmaba a legalidade da actuación de retirarlle todas as honras e distincións a Millán Astray", afirmou o portavoz municipal nacionalista, Xosé Manuel Carril.

Esta sentenza, ditada polo xulgado do contencioso-administrativo número 1, é anterior á emitida polo número 3 que rexeitou a decisión de retirar a distinción de fillo predilecto da cidade ao militar -aínda que si permitiu retirar o seu monumento e cambiar de nome a praza-.

Ante esta situación, deberá ser o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen aclare definitivamente o conflito.

 
"O PP non ten vontade política e retorna ás súas orixes franquistas", manifestou Carril, quen reiterou que a decisión do novo goberno é unha cuestión de vontade "política".
 

O BNG recordou que o Concello é "plenamente soberano" para "outorgar e retirar honras" polo que insistiu en oporse "a toda actuación do PP que implique a devolución da distinción como fillo predilecto a Millán Astray".

Doutra banda, os nacionalistas criticaron que o goberno local pretenda externalizar a asesoría xurídica do servizo municipal do urbanismo, unha que decisión que "responde á necesidade de contar con informes xurídicos elaborados á carta para executar a política urbanística que defende o PP", denunciou Carril.

Comentarios